AS REPRESENTACIÓNS DO II CERTAME DE TEATRO CONCELLO DE LOURENZÁ COMEZAN ESTE VENRES, 2 DE NOVEMBRO, COA ACTUACIÓN DE BULE BULE. A GALA DE ENTREGA DE PREMIOS ESTÁ PREVISTA PARA O 9 DE DECEMBRO

O II Certame de Teatro Concello de Lourenzá comeza este venres, 2 de novembro, ás 21:00 horas, cunha representación a cargo do grupo Bule Bule, formado por actores e actrices de Alfoz e Lourenzá. O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, anunciou hoxe, mércores, que a gala de entrega de premios está programada para o 9 de decembro e unha das novidades desta edición é o Premio do Público.

O edil explicou que “este fin de semana, o próximo venres, día 2 de novembro, comeza o II Certame de Teatro Concello de Lourenzá que se desenvolverá durante todo o mes de novembro. Os días de actuación van ser sábados e domingos, agás o primeiro día que vai ser o venres, día 2, pois o sábado día 3 non vai haber teatro”.

Manuel Arango sinala que “este fin de semana as obras son o venres 2, co grupo Bule Bule, de Alfoz-Lourenzá que poñerá en escena a obra Xente con xente; será ás nove da noite. É un grupo formado por xente dos grupos Raiolas, de Alfoz, e Os Trangalleiros, de Lourenzá. E o domingo teremos ao grupo que gañou o ano pasado, Ollomao, de Barreiros, coa obra Oe, oe, oe, ás oito da tarde”.

O concelleiro de Cultura en Lourenzá salienta que “as novidades deste ano consisten fundamentalmente no incremento do primeiro premio, que pasa de 600 a 750 euros; e imos ter un novo premio porque ademais de ao mellor actor e á mellor actriz, actores e actrices secundarios e á posta en escena, imos engadir un premio do público. A 25 das persoas que asistan ás representacións teatrais aleatoriamente váiselles entregar unha tarxeta, na que van poder puntuar de un a dez, e ao final recontaranse os puntos desde que remate o certame de teatro, haberá tres nomeados e o que teña maior puntuación será o que leve o premio do público”.

Arango declara que “a gala de entrega de premios, case con toda seguridade, vai ser o domingo 9 de decembro sobre as sete da tarde. Actuará un grupo de teatro profesional que é Arte Estudio e Teatro, coa obra Feirantes, na que con música e palabra van recrear a vida dos feirantes, baseada na obra Os outros feirantes, de Álvaro Cunqueiro. Todas as obras se van representar no salón de actos do Concello, agás a última e a gala de entrega de premios, que posiblemente se faga na carpa que estará instalada durante todo o mes de decembro e parte de xaneiro na praza César Chavarría. Alí imos intentar facer a gala de entrega de premios e a última representación teatral”.

O edil de Cultura espera que “sexa un éxito, como mínimo como o ano pasado. Estou seguro de que a xente vai acudir porque en Lourenzá hai moitos afeccionados ao teatro. Facemos este certame con moita ilusión e con ganas de que continúe no tempo e que sexa un referente dentro do teatro afeccionado na Mariña e na provincia de Lugo”.