A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, vén de emitir un bando sobre os cortes de tráfico motivados pola celebración da XXV Festa da Faba e dos festexos do San Marcial deste fin de semana, concretamente os días 2,3 e 4 de outubro.
No bando explícase que permanecerán pechadas as rúas Travesía da Mariña, Avenida de Mondoñedo, Paseo de Oya, Linares Rivas, Muíño do Frade, Secretario Luis Iglesias e Montero Villegas. A rúa Paseo de Oya xa está cerrada dende hoxe, mércores, día 30 de setembro e a praza Linares Rivas farao dende mañá, xoves, 1 de outubro. As rúas Travesía da Mariña e Avenida de Mondoñedo estarán pechadas dende o venres 2 a partir das 11 horas ata as primeiras horas do luns 5 de outubro. As rúas Muíño do Frade e Secretario Luis Iglesias non admitirán tráfico dende a última hora do venres día 2. Tamén quedará prohibido aparcar a ambos lados da rúa Casas Novoa durante estas datas e o 3 de outubro non se poderá estacionar nunha parte da rúa Fernández del Riego. A parada de autobuses trasládase estes días a rúa Calvo Sotelo, xunto ao Bar Cabaleiros.