Lourenzá, 14 de decembro de 2012. Todos os alumnos do CEIP Juan Rey, de Lourenzá, aportaron un xoguete, e algúns levaron varios, no acto organizado polo Concello, que se celebrou na tarde de onte, para colaborar coa Cruz Vermella na recollida de xogos para entregar a familias con escasos recursos. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, comentou que “isto demostra a solidariedade dos nenos e tamén que esta acción está ben encamiñada, posto que os máis pequenos entenden a lección”.
A rexedora municipal lembrou que este acto xa se fixera o ano pasado “pero naquela ocasión non todos aportaran; en cambio nesta edición todos os nenos sen excepción trouxeron xoguetes”.
Emma Álvarez dálle as grazas “ao director e ao equipo docente do colexio por deixarnos facer esta obra social no centro e tamén aos membros da Cruz Vermella de Burela que se acercaron para estar na recollida de xoguetes e entregaron aos nenos unhas postais como recordo deste acto solidario”.