Un debuxo de Adriana Polo González, de 11 anos de idade, foi seleccionado para o cartel da cabalgata dos Reis Magos de Lourenzá 2017. Ao concurso, que foi convocado polo Concello, presentáronse máis de 70 traballos.
O edil delegado de Cultura, Manuel Arango, anunciou que “o debuxo que foi seleccionado, entre máis de 70, para ser o cartel anunciador da cabalgata de Reis de Lourenzá é obra de Adriana Polo González, de 11 anos e alumna do CEIP Juan Rey”.
O xurado estivo formado por Eduardo Iglesias, director do colexio; Dolores Villasuso, educadora familiar do Concello; e Lucía Valea, en representación da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (ACIAL). Actuou de secretario, sen voto, o concelleiro de Cultura, Manuel Arango. O premio consiste nun lote de material e xogos didácticos valorado en 100 euros.