UN ROTEIRO LITERARIO PERCORRE EN LOURENZÁ OS ESCENARIOS ORIXINARIOS DA VIDA E OBRA DE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, encabezaron esta tarde o primeiro percorrido a pé do ‘Roteiro Literario Francisco Fernández del Riego’, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello. Segundo explicou Anxo Lorenzo, o obxectivo deste percorrido é honrar o legado dun persoeiro “cun grande espírito de construción cultural”, e “figura clave para o desenvolvemento da identidade de Galicia e da súa cultura” nado hai 102 anos nesta localidade lucense.

Anxo Lorenzo sinalou o frutífero labor de Fernández del Riego ao longo da súa traxectoria no referido a promover a implicación colectiva para levar a cabo novas iniciativas en prol de Galicia. Ademais, sinalou que o roteiro supón un novo reclamo turístico para Lourenzá que “sen dúbida, contribúe a enriquecer o atractivo cultural que de por si ten este concello”.

Neste sentido o representante do departamento de Cultura da Xunta de Galicia recalcou a aposta da Consellería polas iniciativas que, coma esta, contribúen a poñer en valor os nosos autores e autoras máis destacados e nas que se convida á cidadanía a se implicar a valorar a cultura como un elemento imprescindible para o noso desenvolvemento como sociedade.

Composto por 8 paradas nas que un fito convida a ler fragmentos da obra de Fernández del Riego, o roteiro literario percorre os escenarios orixinais da vida do intelectual. Desde a Praza do Conde, diante do busto que Lourenzá lle dedicou ao autor, o camiño parte cara a casa natal de don Francisco para realizar posteriormente parada en enclaves significativos da cultura da localidade que quedaron recollidos nas obras deste galeguista e que, en casos como a Ponte da Pedra, constitúen importantes elementos do patrimonio cultural galego. Ademais dos devanditos lugares, o roteiro detense na praza Xulia Minguillón, no muíño do Frade, na rúa Fernández del Riego, na área recreativa de Soutelo e na Capela da Gracia, antes de volver ao punto de partida.

UN ROTEIRO LITERARIO PERCORRE EN LOURENZÁ OS ESCENARIOS ORIXINARIOS DA VIDA E OBRA DE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO