UNHA DELEGACIÓN MUNICIPAL PROMOCIONOU OS ATRACTIVOS TURÍSTICOS DE LOURENZÁ EN FITUR

Unha delegación do Concello de Lourenzá promocionou os atractivos turísticos do municipio na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid.

A alcaldesa, Rocío López; os concelleiros Javier Huertas e Mercedes Dengra; e a técnico de turismo do Concello de Lourenzá, Justa Martínez, asistiron hoxe, venres, á presentación do Plan de Sustentabilidade Turística da Mancomunidade de Concellos da Mariña, no que o Camiño do Norte ao seu paso por Lourenzá e a Faba teñen unha presenza importante.

“Nesta visita aproveitamos para seguir promocionando os atractivos turísticos do municipio con distintos operadores turísticos para mostrarlles todos os recursos que ten Lourenzá. Foron sen dúbida unhas xornadas moi proveitosas, que nos permiten seguir dando pasos cara adiante no posicionamento de Lourenzá  como un lugar turístico de referencia. Seguimos traballando nesa liña dando a coñecer ao mundo todo o potencial que temos: patrimonio natural e arquitectónico, gastronomía, Camiño Norte,… Todos os recursos nun só lugar para desfrute do visitante”, explicou a rexedora municipal, quen engadiu: “agardamos que esta edición de Fitur sexa positiva para Lourenzá e tamén para A Mariña no seu conxunto”.