UNHAS 200 PERSOAS PARTICIPARON NA PRIMEIRA XUNTANZA CAMPESIÑA CELEBRADA O PASADO SÁBADO EN TOVAR

A primeira Xuntanza Campesiña celebrada este pasado sábado en Tovar contou coa participación dunhas 200 persoas.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, fixo hoxe, luns, balance deste evento organizado polo Concello e explicou que “houbo arredor de 200 persoas e os asistentes gozaron ó longo da tarde noite do sábado de actividades como xogos para nenos e maiores ou obradoiros de pintura o aire libre. Como en toda festividade non faltou o toque musical, que amenizou a xornada con cantigas e bailes tradicionais. Tamén se celebrou unha representación teatral e ata houbo un xogo de fotografías para coñecer o noso concello”.

A rexedora municipal agradece “a asistencia de todos os visitantes que se desprazaron a Tovar para participar nesta xuntanza campesiña” e destaca “a gran participación da xente vestida con roupas daquela época. Remontamos Tovar e o seu entorno a décadas atrás e recordamos e revivimos a vida dos nosos devanceiros no Val de Lourenzá”.

Ademais Rocío López engadiu: “dende o Concello agradecemos o traballo de toda as asociacións que colaboraron na organización das distintas actividades así como do persoal do Concello e membros de Protección Civil. Tamén queremos dar as grazas a José Ventoso, dono do pazo, por abrirnos unha vez mais as portas da súa casa e brindarnos a oportunidade de gozar deste marabilloso entorno”.

A alcaldesa lembrou que “Todos cara a Tovar naceu como un encontro de asociacións e de veciños en torno a este fermoso lugar. Hoxe, anos despois, segue cumprindo esta finalidade, que non é outra que facer de Tovar un punto de confluencia, de reunión, na que todos os veciños acudan a este lugar a gozar dos seus encantos. A fortaleza de Tovar é unha das grandes xoias do Val, unha das grandes riquezas que integran o gran patrimonio arquitectónico e cultural que temos no noso concello. Esta edición foi ademais a primeira Xuntanza Campesiña, para recordar e revivir a tradición labrega que imperaba no Val de Lourenzá décadas atrás e que constituía a principal vía de subsistencia dos nosos devanceiros”.

A este evento, financiado con cargo aos fondos para actividades culturais do Plan Único da Deputación de Lugo, asistiron a alcaldesa, todos os concelleiros do equipo de goberno municipal e a deputada provincial Mayra García.

UNHAS 200 PERSOAS PARTICIPARON NA PRIMEIRA XUNTANZA CAMPESIÑA CELEBRADA O PASADO SÁBADO EN TOVAR
UNHAS 200 PERSOAS PARTICIPARON NA PRIMEIRA XUNTANZA CAMPESIÑA CELEBRADA O PASADO SÁBADO EN TOVAR
UNHAS 200 PERSOAS PARTICIPARON NA PRIMEIRA XUNTANZA CAMPESIÑA CELEBRADA O PASADO SÁBADO EN TOVAR