VILANOVA VERASE AFECTADA POR VARIOS CAMBIOS DE TRÁFICO NAS SÚAS RÚAS CON MOTIVO DAS FESTAS PATRONAIS DO CONDE SANTO QUE SE CELEBRAN NO MUNICIPIO DENDE O VENRES 29 DE AGOSTO ATA O LUNS 1 DE SETEMBRO

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, deu a coñecer, a través dun bando informativo, os cortes e cambios de tráfico que rexistrará Vilanova co motivo da celebración das súas festas patronais. As modificacións comezarán mañá, mércores, e irán sucedéndose por diferentes rúas do municipio de forma ininterrompida ata o luns día 1 de setembro, xornada na que finalizarán as festas do Conde Santo.

Emma Álvarez anunciou que “con motivo das próximas Festas Patronais do Conde Santo, que se celebrarán os días 29,30 e 31 de agosto e o 1 de setembro, permanecerán pechadas varias rúas ó tráfico, motivo polo cal poñemos en coñecemento dos nosos cidadáns esta información para que a teñan en conta, e tamén para aquelas persoas de fóra que se acheguen a Lourenzá”. A responsable municipal aclarou que “os cortes que vamos realizar serán: o próximo mércores día 27 ás 3 da tarde cerrando o aparcamento que está situado na Praza César Chevarría. Posteriormente, o venres 29, a partir tamén das 3 da tarde, pechando as rúas Francisco Fernández del Riego e Muiño do Frade, dende Secretario Luís Iglesias. E o sábado día 30, dende as 9 da mañá, pechando as rúas Travesía da Mariña, Avenida de Mondoñedo ata o cruce con Avenida do Val, Paseo de Oya e Avelino Montero Villegas. O trazado alternativo discorrerá por Avenida do Val, Carretera de Trabada e a pista que transcorre por detrás do Mercado Comarcal Gandeiro ata a rúa Casas Novoa, que accede directamente á Vila e é coñecida co nome de O Paseo do Colesterol”.

A rexedora recordou tamén a tódolos usuarios do autobús que “a súa parada será trasladada, con motivo destes cortes o sábado, domingo e luns, ata a Praza Julia Minguillón. Alí estará situada ao carón do bar Cabaleiros”.

Descargar bando en PDF