Lourenzá, 12 de xuño de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, reuniuse hoxe en Santiago coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, e co secretario xeral Tomás Fernández Couto, para solicitarlles axuda da Xunta para reparar unha ponte da parroquia de Santo Adrao que corre risco de derrubamento. A administración autonómico colaborará co Concello para a execución da obra, segundo anunciou a rexedora municipal, quen tamén falou cos responsables de Medio Rural sobre a creación da cooperativa comercializadora da Faba de Lourenzá.
Emma Álvarez explicou que na xuntanza celebrada este mediodía abordaron “un tema que ten preocupado ao equipo de goberno nestes últimos días, que é o estado dunha ponte na parroquia de San Adriano, moi preto da intersección que une a estrada da Deputación co xa famoso Camiño A. Esta ponte foi feita na época da concentración parcelaria e corre risco de derrubamento aos dous lados da estrada, posto que se está producindo xa un badén”.
A alcaldesa anunciou que “como non cabía doutro xeito por parte da conselleira de Medio Rural manifestou o seu apoio ao Concello de Lourenzá para que esta ponte sexa reparada e que non haxa que lamentar ningunha desgraza. E tamén para que non haxa que esperar a que caia antes de proceder ao seu arranxo”.
E sobre a cooperativa para a comercialización de Faba de Lourenzá, a rexedora municipal comentou despois da reunión que “xa están a traballar as consellerías de Medio Rural e de Traballo na labor de campo para poder formar unha cooperativa comercializadora de faba que sería de interese non só para Lourenzá senón tamén para toda A Mariña”.
Emma Álvarez fíxolles chegar aos responsables da Consellería de Medio Rural “correos electrónicos recibidos a través da páxina web do Concello nos que se poñían en contacto con nós xente interesada en participar nesta cooperativa, con capital ou incluso con apoio altruísta para formar a cooperativa. É algo que foi moi comentado na rúa estes últimos días e que tanto produtores como o resto de veciños que coñecen a problemática que hai en Lourenzá para comercializar a faba ven moi positivo”.