A XUNTA LICITARÁ DE XEITO INMINENTE AS OBRAS DE SANEAMENTO NO NÚCLEO DE REQUEIXO, EN LOURENZÁ, POR MÁIS DE 300.000 EUROS

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicará de xeito inminente no Diario Oficial de Galicia a licitación das obras de saneamento do núcleo de Requeixo, no Concello de Lourenzá, por un importe de 304.758 euros. A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe a zona na que está prevista a actuación, para a que se prevé un prazo máximo de execución de catro meses.

Arias estivo acompañada pola alcaldesa, Emma Alvarez Chao, e ambas analizaron sobre o terreo os pormenores do proxecto, que asume Augas de Galicia. As obras consistirán na construción dunha rede composta por nove colectores que conectarán coa depuradora grazas a unha infraestrutura de tubaxes de case tres quilómetros de lonxitude (2.966 metros).

Ao longo do trazado será preciso realizar senllos cruzamentos nas estradas LU-P-2802 e LU-122 mediante perforacións horizontais encamisadas. Este proxecto de saneamento tamén recolle a reposición dos servizos e pavimentos afectados polas obras.

Con esta actuación en materia hidráulica preténdese eliminar as insalubres e contaminantes fosas sépticas individuais que na actualidade empregan os habitantes do núcleo de Requeixo. Trátase dunha zona residencial vinculada principalmente á actividade agrícola, para a que se prevé un sistema de saneamento similar ao que existe nos núcleos de Santo Tomé e San Adriano.

A delegada destacou o esforzo que está a realizar a Xunta de Galicia en materia de obras hidráulicas e moi especialmente para dotar de servizo de saneamento aos núcleos rurais. “Con esta dotación –afirmou- mellórase a calidade de vida dos veciños e veciñas e tamén a calidade ambiental do contorno, ao eliminar os focos contaminantes que supoñen as fosas sépticas”.

A XUNTA LICITARÁ DE XEITO INMINENTE AS OBRAS DE SANEAMENTO NO NÚCLEO DE REQUEIXO, EN LOURENZÁ, POR MÁIS DE 300.000 EUROS