A XUNTA PROMOVE A CONSTITUCIÓN DUNHA COOPERATIVA DEDICADA Á COMERCIALIZACIÓN DA FABA ENTRE FABEIROS E PRODUTORES DE HORTA DA MARIÑA DE LUGO

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2013.- A Subdireción Xeral de Cooperativas e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar está a promover a constitución dunha cooperativa especializada na comercialización da faba amparada baixo a IXP Faba de Lourenzá e outros produtos de horta da Mariña lucense co obxectivo de poñer en valor este produto, obviando a intervención de intermediarios, e sendo comercializado polos propios produtores, a prezos de mercado coherentes, transparentes e non especulativos.

Dende o mes de agosto, data de comenzo da iniciativa, mantivéronse máis de dez reunións con diversos produtores da Mariña que derivaron na constitución dun grupo promotor encargado de estudar as peculiaridades da produción e comercialización destes produtos con vistas a avaliar a posta en marcha dunha cooperativa para a comercialización regulada, profesionalizada e conxunta da faba e dos produtos de horta autóctonos.

Na próxima semana, representantes de AGACA e do grupo promotor desplazaránse aos concellos de Ribadeo, Lourenzá e Alfoz para dar a coñecer o proxecto da cooperativa que levará por nome Terras da Mariña, S. Coop. Galega e motivar a que os máis de 380 produtores que, actualmente, producen e comercializan a nivel individual, se integren nesta cooperativa.

Anualmente, segundo as estimacións do grupo promotor, a produción media anual da faba integrada na IXP Faba de Lourenzá, supera as 300.000 toneladas, sendo 200.000 t comercializadas directamente polos fabeiros, a través de intermediarios. O mercado desta faba xera un movemento económico de dous millóns de euros.

Unha vez constituída a cooperativa, será a primeira dedicada a esta actividade en Galicia.

 

Descargar carta (PDF)