A ALCALDESA ANIMA AOS VECIÑOS A UTILIZAR O PUNTO LIMPO PARA EVITAR OS VERTEDOIROS INCONTROLADOS E A APARICIÓN DE RESIDUOS INAPROPIADOS NOS COLECTORES DE LIXO

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anima aos veciños do municipio a utilizar o punto limpo para evitar así a existencia de vertedoiros incontrolados e a aparición de residuos inapropiados nos colectores de lixo.

“Dende o Concello queremos recordar que ao servizo municipal de punto limpo as familias poden levar os residuos domésticos: aparellos, voluminosos, electrodomésticos, etcétera. O horario de atención cidadá é de 10 a 14 horas os luns, mércores e venres, pero para cubrir dun xeito máis amplo as necesidades dos veciños e veciñas eses mesmos tres días de 15 a 19 horas ábrese o recinto para a recepción de residuos domésticos previo aviso no teléfono 616.128.519. A maiores o Concello dispón dun sistema de recollida de aparellos e voluminosos a domicilio gratuíto, que se efectúa o último venres de cada mes previo aviso no Concello”, explicou a rexedora municipal.

Emma Álvarez engadiu que “no punto limpo atópase ademais o Centro de Acopio de Plásticos Agrícolas, que ten o mesmo horario que o punto limpo e para o cal tamén se fai a recollida gratuíta a domicilio os últimos venres de mes previo aviso. É moi importante que os gandeiros e agricultores teñan presente que estes plásticos agrícolas non poden depositalos nos colectores do lixo, como tampouco poden tirar rodas usadas, envases contaminados ou residuos perigosos, que tampouco poden levar ao punto limpo, porque dende o Concello non podemos recepcionalos”.

A alcaldesa rematou lembrando que o servizo de punto limpo “é gratuíto e animamos aos veciños e veciñas que aínda non o están usando a facelo, porque desta maneira non só se evitan actos delituosos senón que tamén contribuímos a que Lourenzá estea máis limpa. Non hai nada máis desagradable que ver vertedoiros de lixo incontrolados espallados polo medio natural, a maiores do dano que se fai ao medio ambiente”.