A ALCALDESA CRITICA AOS REPRESENTANTES DE PSOE E BNG NA DEPUTACIÓN DE LUGO POR VOTAR NO PLENO DE HOXE EN CONTRA DA TRANSFERENCIA DO VIAL COÑECIDO COMO CAMIÑO A Á REDE DE ESTRADAS DO ENTE PROVINCIAL

Lourenzá, 26 de novembro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, asistiu hoxe ao pleno da Deputación de Lugo no que os representantes de PSOE e BNG votaron en contra da transferencia do vial coñecido como Camiño A á rede de estradas do ente provincial. Por este motivo a rexedora critica aos deputados provinciais socialistas e nacionalistas.

“Esta mañá nacionalistas e socialistas votaron no pleno da Deputación de Lugo en contra da transferencia do Camiño A ao ente provincial. Desta maneira ponse de manifesto a incoherencia que hai entre eses partidos políticos a nivel municipal e a nivel provincial. Tanto PSOE como BNG no Concello de Lourenzá sempre pretenderon que esta estrada pasara a mans da Deputación de Lugo, posto que se entende como a continuación natural da propia estrada da Deputación que vén dende Augaxosa ata Santo Tomé. Ademais é unha reivindicación dos veciños, concretamente da asociación de San Adriano. Polo tanto o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego hoxe na Deputación de Lugo déronlles as costas, outra vez máis, aos veciños e veciñas de Lourenzá e concretamente aos de San Adriano por non aceptar un acordo que xa fora votado por unanimidade no pleno da Deputación de Lugo no ano 2006”, explicou Emma Álvarez.

A alcaldesa criticou “con toda a forza o papel que desempeñou neste caso a portavoz socialista no Concello de Lourenzá posto que a Área de Vías e Obras da Deputación, que é a que tería que facerse cargo desta estrada, está nas mans dos socialistas. No Concello de Lourenzá vota a favor de que se faga cargo a Deputación e despois non é quen nin de tan sequera coller o teléfono e falar co señor Martínez para mostrarlle cal é a súa postura e explicarlle cal é a reivindicación dos veciños do concello de Lourenzá”.

Pero á rexedora municipal de Lourenzá chamoulle moito a atención que “o Bloque Nacionalista Galego, concretamente un deputado da Mariña de Lugo, votara en contra dos veciños de Lourenzá. Hai que darlle as grazas ao BNG en Lourenzá, porque sempre axudou e estivo connosco nesta tarefa, que ten como único fin facer xustiza cun acordo plenario tanto do Concello de Lourenzá como da Deputación de Lugo do ano 2006. Mágoa que a súa labor non tivera resultado e o noso flamante deputado mariñán votara en contra, unha vez máis, do Concello de Lourenzá”.

Álvarez Chao lembrou que Antonio Veiga “nin tan sequera me recibiu para tratar temas importantes como poden ser a Festa da Faba, a cultura e o deporte, algo que brilla no noso concello e a Deputación de Lugo mira de lado. Non hai máis que ver os orzamentos que hoxe mesmo se debateron e o que aporta da Deputación de Lugo para o concello de Lourenzá, concretamente para o equipo de baloncesto feminino que hai poucos días saltaba á fama por ser un equipo de categoría Nacional que viaxa nunha furgoneta. A este equipo danlle 10.000 euros mentres que outros de igual categoría reciben da Deputación máis de 40.000 euros. O mesmo pasa coa Festa da Faba, pois segue sen aparecer unha subvención nominativa nos orzamentos da Deputación de Lugo, a diferenza do que ocorre coa Festa da Fabada que fai o Club de Amigos de Cervo, que unha vez máis aparece nos orzamentos da Deputación de Lugo”.

Polo tanto “hoxe voume para Lourenzá desgustada e sobre todo pensando que Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista fixeron, unha vez máis, un ridículo espantoso na Deputación de Lugo porque non escoitaron aos veciños de Lourenzá nin tan sequera oíron o que os seus portavoces no Concello de Lourenzá reivindican, que é transferir este viario á rede de estradas provinciais”, manifestou a alcaldesa. Tamén lembrou que “a Deputación cambiou as regras do xogo, pois había un convenio redactado anteriormente que non obrigaba ao Concello a facer obras nesa estrada. E aínda que cambiara o goberno provincial, como dixo a portavoz socialista nun pleno da corporación municipal, as regras deberían seguir sendo as mesmas”.

Emma Álvarez rematou comentando que con esta decisión que adoptaron hoxe PSOE e BNG “quen perden son os veciños de Lourenzá, porque desta maneira o Concello terá que dedicar diñeiro a esa estrada en vez de destinalo a outros servizos municipais. Isto non é xusto máxime cando o Concello xa investiu no vial da Deputación despois de recibir a documentación que acreditaba a transferencia”.