Lourenzá, 22 de novembro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, denuncia as continuas discriminacións a este Concello por parte da Deputación de Lugo, como na visita que fixo onte ao municipio a vicepresidenta do organismo provincial Lara Méndez, acto ao que non foi convidada a rexedora local. Ademais Emma Álvarez critica aos concelleiros da oposición (PSOE e BNG) por non renunciar ás dietas pola asistencia ao pleno extraordinario convocado para pedir que se cambien as bases do plan de emprego da Deputación.
“Neste pleno o Concello de Lourenzá quíxose sumar a esa denuncia da discriminación que estamos a sufrir, xa non os alcaldes nin os equipos de goberno do Partido Popular, senón os veciños e veciñas que viven nun concello onde elixiron a un rexedor que se presentou baixo as siglas do PP. Neste caso parécenos que é un plan de emprego que está dirixido concretamente a uns concellos. Son doce os que se van beneficiar, once deles son da Montaña de Lugo e todos gobernados polo PSOE agás un no que goberna o BNG”, explicou a alcaldesa laurentina.
Álvarez Chao engadiu que “unha das condicións que nos poñían para acceder a esta orde de axudas era non ter tido un obradoiro de emprego nos últimos anos. Polo tanto non nos dan a oportunidade de participar ao resto de concellos, co cal están sendo xa non soamente discriminatorios senón que nos están marxinando nunha orde pública, cando en realidade debería ser con igualdade de oportunidade para todos os lucenses, non soamente para aqueles que viven nun concello que está gobernado pola mesma cor política que manda na Deputación de Lugo”.
A rexedora manifestou tamén que “á oposición de Lourenzá sorprendeulle que celebráramos este pleno, pero o realmente sorprendente é que non se tiveran feito plenos xa anteriormente para denunciar as continuas discriminacións que estamos a sufrir. Mencionamos o plan de obras e servizos da Deputación, por exemplo, onde na de Lugo os concellos temos que aportar o 50 por cento desas obras mentres que na Deputación de Ourense os concellos soamente teñen que aportar o 25 por cento e nas de Coruña e Pontevedra non teñen que poñer ningunha cantidade. O Concello de Lourenzá este ano recibiu da Deputación de Lugo, para o plan de obras e servizos, pouco máis de 12.000 euros. E se isto o comparamos con concellos da mesma superficie e do mesmo rango que Lourenzá na provincia da Coruña estaríamos en torno aos 170.000 euros. Polo tanto poderíamos ter o noso concello en mellor situación. Pero tamén se pode falar dos convenios extraordinarios que se están a firmar por parte da Deputación de Lugo con uns e outros concellos, pero ningún deles é do Partido Popular. A Deputación de Lugo tampouco aporta a parte que lle corresponde para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico aos concellos e que dicir desas comunidades veciñais nas que se miramos quen está detrás das peticións é moi fácil ver por onde van os tiros sempre”.
O goberno municipal de Lourenzá considera que “este é un plan de emprego inxusto; non é para a provincia de Lugo, posto que é exclusivamente para once concellos da Montaña que están gobernados polo Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego. Polo tanto temos dereito todos os concellos da provincia a reivindicar que se nos trate por igual. Non hai ningunha orde de axudas da Xunta de Galicia na que discriminen por concellos e nós queremos que se faga o mesmo dende a Deputación, que nos teñan en conta a todos os alcaldes independentemente da cor política, porque detrás dun alcalde hai veciños e no caso de Lourenzá hai 2.400 persoas que están afectadas pola discriminación diaria e continua da Deputación de Lugo”.
Dietas por asistencia ao pleno
Emma Álvarez comentou ademais que “por este pleno extraordinario os concelleiros do Partido Popular non lle deron ningún gasto ás arcas municipais, posto que renunciaron expresamente á dieta as persoas que teñen dereito a ela. Convidei na sesión aos membros da oposición a sumarse a esta iniciativa, pero non o fixeron e ademais houbo que oír frases como a dunha concelleira que dixo que antes prefire darllo a un pobre. Este é o cariño que lle teñen ao Concello de Lourenzá, que xa non soamente o demostran votando en contra dunha iniciativa que pide trato igual para os nosos veciños senón que ademais non miran polos bens do Concello”.
“Tamén me gustaría referirme á discriminación que sentimos á hora de ser avisados para inauguracións. Onte parece ser que a vicepresidenta da Deputación de Lugo Lara Méndez estivo inaugurando unha obra no concello de Lourenzá, acto ao cal por respecto institucional supoño que debería ser convidada como alcaldesa deste concello e tamén por colaborar con esa asociación de veciños para a realización desa obra”, rematou a rexedora laurentina.