A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, anuncia mediante un bando que dende onte, día 30 de novembro, está aberto o prazo para acollerse ás axudas do Programa de Rexeneración e Renovación Urbanas do Plan Estatal 2013/2016. A presentación das solicitudes debe realizarse nas Oficinas Municipais de Rehabilitación de Lourenzá de luns a venres en horario de 8 a 15 horas. A solicitude poderá facerse ata o vindeiro 30 de xaneiro.
“O obxectivo destas axudas é a rehabilitación e recuperación daquelas vivendas e edificios de vivendas que estean situadas na Área de Rehabilitación do casco de Lourenzá. Este tipo de actuacións son unha peza básica para a recuperación e rexeneración do casco antigo do noso municipio e contribúen á mellora das condicións de vida dos habitantes da zona”, explica Rocío López.
A rexedora indica que “hai moitas vivendas que foron abandonadas nos últimos anos e que presentan un estado case ruinoso. Con estas axudas poderanse rehabilitar e promover a súa ocupación. Esta mellora das condicións de habitabilidade das vivendas permitirá recuperar o tecido tradicional residencial da zona e contribuirá de xeito positivo ao aumento do censo de poboación e á mellora nos servizos esenciais”.