A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, recolleu hoxe na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, un premio porque este concello está entre os cinco municipios de Galicia que máis doazóns de sangue realizaron durante o pasado ano 2016.
A rexedora municipal explicou: “este recoñecemento que hoxe recibín en Santiago é unha satisfacción e un orgullo para min, como representante deste concello. Quero agradecer e facelo extensible a todos os laurentin@s porque grazas a eles Lourenza está entre os 5 concellos de Galicia que máis doazóns de sangue rexistraron no ano 2016. En total houbo 134 doazóns de sangue, o que supón unha taxa de 46/1.000 habitantes. É un privilexio acudir a un acto destas características, onde se premia unha gran labor social e humana como é este caso. Aproveito a ocasión para agradecer a colaboración de todos os cidadáns de Lourenzá e fago un chamamento para que sigan participando nas campañas de doazón organizadas pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos para que o vindeiro ano Lourenzá siga sendo o primeiro concello da provincia de Lugo en doazóns e estando entre os primeiros de Galicia. Por tanto esta labor non remata aquí, máis ben acaba de comezar porque agora o seguinte reto é aumentar cada ano un pouco máis as doazóns e axudar así a toda a xente que o necesita”.
No acto de hoxe recibiron as distincións diversas entidades que colaboraron na doazón de sangue en Galicia durante o ano 2016. O evento contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.