A alcaldesa de Lourenzá, Émma Álvarez Chao, mantivo unha reunión co responsable da Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia, Ángel González del Río, na que abordaron a construción dunha conexión entre a estrada provincial LU-P-2802 e a Nacional 634 en Arroxo. Tamén falaron da necesidade de adoptar unha solución para evitar os desbordamentos do rego de Recimil a raíz da construción da autovía A-8.
A rexedora municipal explicou hoxe que se reuniu onte con Ángel González del Río e os temas que trataron foron “a unión da autovía A-8 dende a antiga Nacional 634 á nova N-634, en Arroxo; e o incremento do caudal do rego de Recimil a consecuencia das obras da autovía”.
Emma Álvarez especificou que “en relación á necesidade de construír unha rotonda ou un enlace en T en Arroxo, que uniría a estrada da Deputación 2802, que vai dende San Xorxe ata Arroxo, coa Nacional 634, faríase nuns terreos que a día de hoxe parte deles xa están expropiados polo Ministerio de Fomento. Segundo os informes que baralla o xefe da Demarcación de Carreteras, é necesario e óptimo facer este enlace, co cal contamos que, a esperas de que se faga o proxecto da obra e se saiba o custe económico da mesma, procederase a realizar por parte do Ministerio de Fomento”.
A alcaldesa engadiu que “sobre o incremento do caudal do rego de Recimil mantivemos unha reunión non só co xefe de Demarcación de Carreteras senón que estaba tamén o xerente de Augas de Galicia. E aí viuse que certamente podería ser non só cuestión de que se incrementara o caudal senón que agora a auga baixa máis rápido, ao estar toda canalizada. E quedamos en que o propio director de obra do Ministerio veña aquí, a Lourenzá, acompañado dos técnicos de Augas de Galicia que fixeron un informe no que apuntan á autovía como causante das inundacións, sobre todo das que houbo nas últimas riadas, que foron o 3 de decembro do ano pasado”.
Polo tanto a rexedora considera que “a reunión de onte foi moi positiva, non soamente por traer o compromiso de facer ese enlace da A-8, que xa no seu día manifestara o secretario general de Infraestructuras do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, senón que ademais vaise estudar a problemática que temos cando chove en Lourenzá a consecuencia do incremento do caudal de auga do rego de Recimil. Nas últimas riadas inundáronse varias vivendas e a fábrica de mobles Hermida, co cal trataremos de buscar unha solución entre as tres partes (Concello, Augas de Galicia e Fomento) para que estes danos se poidan evitar”.