AUGAS DE GALICIA LIMPARÁ A CANLE DO RÍO BAOS PARA INTENTAR EVITAR DESBORDAMENTOS COMO O QUE HOUBO O PASADO 15 DE OUTUBRO. A ALCALDESA FALOU DESTE ASUNTO HOXE EN SANTIAGO CO DIRECTOR DA ADMINISTRACIÓN HIDRÁULICA AUTONÓMICA

O ente Augas de Galicia, que pertence á Consellería de Medio Ambiente, limpará a canle do río Baos, en Lourenzá, para intentar evitar desbordamentos como o que houbo o pasado 15 de outubro. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, reuniuse hoxe en Santiago co director da administración hidráulica autonómica, Gonzalo Mosquera, para abordar este asunto.

A rexedora municipal explicou que o motivo da reunión foi “transmitirlle a preocupación que temos en Lourenzá polos desbordamentos que poden producirse no río Baos, sobre todo despois do que ocorreu o pasado 15 de outubro, cando como consecuencia do desbordamento deste río diversos puntos tiveron problemas, non soamente a nivel de infraestruturas viarias senón tamén a planta potabilizadora que o Concello ten no lugar de Trabas, na parroquia de Santo Tomé, que tivo serios problemas de funcionamento e incluso foi necesario un retén toda a noite para velar polo seu correcto funcionamento. A EDAR de San Xorxe tamén estivo totalmente inundada e sufriu serios problemas, que aínda a día de hoxe están pendentes de repoñer. Non soamente afectou a infraestruturas municipais senón tamén a particulares: terras de millo, de fabas e incluso unha presa dun particular tivo serios problemas e é necesario refacela. Na área recreativa do muíño do Pereiro tamén tivemos problemas: un muro de contención foi levado pola auga e incluso unha escollera. Esas obras estámolas facendo neste momento con cargo ao Concello”.

Diante desta situación a alcaldesa solicitoulle a Augas de Galicia que faga unha limpeza da canle do río Baos e “despois da xuntanza de hoxe, vista a boa vontade que hai por parte de Augas de Galicia o que pedimos é que esta limpeza se faga o máis rápido posible a fin de evitar outros episodios como os que vivimos o pasado 15 de outubro”.