A CONCENTRACIÓN DE VEHÍCULOS VESPAFABA & CLÁSICOS LOURENZÁ CELEBRA O SEU DÉCIMO ANIVERSARIO OS DÍAS 5 E 6 DE OUTUBRO

A concentración de vehículos Vespafaba & Clásicos Lourenzá celebrará o seu décimo aniversario os días 5 e 6 de outubro, sábado e domingo. Foi presentada polos organizadores e pola alcaldesa de Lourenzá, Rocío López.

A organización do evento destaca que é “unha cita consolidada xa no calendario dos eventos de vehículos clásicos e motos, sobre todo da mítica Vespa, que atrae participantes de todo Galicia, Asturias e Castela e León” e anuncia que o sábado 5 será a xornada dedicada aos scooters e motos clásicas, con este programa: “recepción de motos a partir das 10:00 horas na rúa Fernández del Riego, onde a partir das 12:00 se celebrarán unha xincana e probas de habilidade, algo moi entretido que capta a atención de numerosos visitantes. A ruta está prevista para as 13:30 horas e percorrerá o Val de Lourenzá, haberá un pincheo polo camiño e regresarase á vila para o xantar, servido por Catering Chao da Brea, oonde se fará a entrega de premios e un gran sorteo”.

O domingo 6 será o día dos coches clásicos e o programa é o seguinte: “poderán participar vehículos anteriores a 1994. A recepción será tamén na rúa Fernádez del Riego e os vehículos permanecerán expostos nas rúas da vila ata as 13:30 horas, para o disfrute de participantes e visitantes da Festa da Faba, xa que moitos destes vehículos causan gran expectación entre os visitantes da festa, ó encontrarse con modelos espectaculares en perfecto estado de conservación e algunhas curiosas e singulares unidades das décadas do 1930, 1940 e 1950; tamén unha ampla inscrición de vehículos dos 60 e 70 e, como non, gran variedade dos clásicos máis modernos, de finais dos 80 e comezos dos anos 90. A saída da ruta será as 13:30 polo centro de Lourenzá, un dos momentos máis espectaculares, xa que se forma un pasillo humano de visitantes da festa admirando o desfile de vehículos, que se dirixiran a Bretoña (A Pastoriza), onde será o xantar ás 14:30 horas en Hotel A Casa Da Luz e quedarán expostos os vehículos ata as 16:30, hora do regreso a Lourenzá, onde se celebrará a entrega de premios e un gran sorteo aló polas 17:30 horas”.

Os organizadores destacan que “a inscrición consta de regalo de benvida, xantar e participación nun gran sorteo o final do evento. Teremos uns premios ambos días para: coche/moto máis espectacular; coche/moto máis antiga; participante de máis lonxe; condutor máis veterano; club máis numeroso; recordo de participación a cada club asistente; e algún que outro trofeo sorpresa”.

A data límite de inscrición é o mércores 2 de outubro con prazas limitadas. “Esperase igualar ou superar as cifras de participación do ano pasado, onde se puideron ver o sábado sobre 80 motos e o domingo uns 170 coches”, remata a organización.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, resalta: “cúmprense 10 anos da presenza desta actividade na Festa da Faba. Un evento que comezou con apenas unha trintena de vehículos clásicos e que ano a ano vai medrando, chegando a superar os máis de 100 exemplares na edición do ano pasado. Por iso actualmente a concentración de vehículos clásicos xa ocupa un lugar importante en cada edición da Festa da Faba”.