Lourenzá, 17 de maio de 2013. Como consecuencia do mal tempo a actividade dedicada a Francisco Fernández del Riego organizada polo Concello de Lourenzá para conmemorar o Día das Letras Galegas celebrouse no salón de actos da Casa do Concello, que estivo ateigado de público. Na actividade participaron a delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias; a alcaldesa, Emma Álvarez Chao; outros membros da corporación municipal de Lourenzá, a técnico de Cultura do Concello, representantes de todas as parroquias e de diversos colectivos.
A rexedora municipal anunciou que a ruta prevista para hoxe aprazouse para o día 25 de xullo, data na que tamén haberá outras actividades dentro da programación deste ano dedicado a Fernández del Riego en Lourenzá.
No seu discurso de hoxe Emma Álvarez empezou comentando que “Don Paco, segundo din os que tiveron a honra de coñecelo, era un home de gran corazón, de mente luminosa e vontade de ferro ao servizo da patria galega. Hoxe, Don Paco, dende algún lugar do universo estou segura que se sente orgulloso e correspondido polo amor que tiña pola nosa terra, pola súa vila natal sendo, sen lugar a dúbidas, o mellor embaixador que un pobo pode ter. O cariño e o amor pola súa terra de orixe foron os fieis compañeiros na viaxe da súa vida, e mostra disto son os artigos de prensa dedicados a Lourenzá, ducias de colaboracións bibliográficas, pregóns nas nosas festas, a doazón de libros a nosa biblioteca municipal,... A sempre presenza da súa Lourenzá natal plasmouse nas frecuentes alusións a nosa vila en distintas entrevistas xornalísticas, radiofónicas e televisivas e, nun lugar destacado, có agasallo de incalculable valor que nos deixou coa publicación no ano 2004 do libro Lourenzá, que ademais de retratar con cariño e beleza o noso concello foi unha mostra de agradecemento para coa vila que o veu nacer”.
A alcaldesa tamén explicou que “na súa obra apreciase a pegada das súas orixes, foi aquí onde mamou as súas primeiras letras; aquí, entre os seus veciños, aprendeu as súas costumes e tradicións, estableceu os seus primeiros lazos de amizade e, quen sabe, ata si cadra algún amorío naquelas festas e romarías ás que asistía na súa adolescencia. E o que de seguro nunca esqueceu Don Paco foi o feito que marcou a súa vida dende neno, feito acontecido na Pena Corveira, onde seu pai recibiu dous disparos que, sen acabar coa súa vida e sen iren dirixidos a el, deixárono gravemente ferido. A influenza de seu pai, destacado dirixente agrarista, así como o galeguismo que lle transmitiron as obras de Rosalía, Curros Enríquez e Vicente Risco, e a amizade con Cunqueiro e Carballo Calero influíron nas súas crenzas e na súa formación política que logo de vivir en primeira persoa case todos os feitos sinalados na historia cultural da Galicia do século XX o converteron no patriarca das letras e da cultura galegas”.
“Por ese motivo estamos hoxe aquí, sen deixar de lado a Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas, dentro dos actos conmemorativos do centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego, pareceunos oportuno destacar o día de hoxe, xa que Del Riego, o noso Don Paco, non asimilaba que o 23 de abril coincidindo co pasamento de Cervantes se institucionalizara o día do libro e do idioma castelán e que sen embargo a nosa fermosa lingua galega non fora homenaxeada. Coa pegada que as letras de Rosalía de Castro deixaron nel e coincidindo có centenario da publicación de Cantares Galegos, libro que marca un antes e un despois para a literatura galega, foi o propulsor de que o 17 de maio as nosas letras tiveran unha data sinalada no calendario”, engadiu a rexedora local.
Emma Álvarez tamén manifestou que “a choiva impediu que percorreramos pouco menos de 3 km lembrando os sitios máis emblemáticos da súa vida no noso pobo, a súa casa natal, o Muíño do Frade, a capela da Gracia, o lugar do Pombo, pero esta presentación que preparamos dalgunha maneira fixo que recrearamos esta ruta imaxinaria presumindo do noso Don Paco”.
Despois da alcaldesa interveu no acto Manuel Román Ramos, máis coñecido en Lourenzá como Manolo de Cartas, amigo de Francisco Fernández del Riego, gran coñecedor da súa vida e coautor de dous libros sobre a súa figura.
A continuación Emma Álvarez agradeceu a asistencia e a colaboración “de Fany, de Don Xosé, de Bruno e de Sandra, da Sandra profe, de María, de Rosalía, de Isabel, de Suso, de Elvira, de Hipólito, de Rocío, de Eduardo, de Cesar, e especialmente de Raquel Arias por acompañarnos, como ven sendo habitual nela, nun día especial para Lourenzá. Pero permitídeme que, dun xeito relevante agradeza o traballo de Lupe, de María José, de Pepe e de Miguel que fixeron posible que o esbozo deste acto foran unha realidade. E non podo esquecerme de Manolo, unha persoa que, aínda que non hai moito que nos coñecemos, podo asegurar que é unha desas persoas que non pasan desapercibidas pola vida, pola súa capacidade de traballo, polo seu interese e sobre todo pola súa entrega incondicional. Sen el, este roteiro imaxinario non sería o mesmo, por ese motivo e por que nos sentimos en débeda contigo, queremos facerche entrega dun pequeno detalle como mostra de agradecemento polo teu traballo altruísta e sobre todo por estar sempre aí ao noso carón”.
No acto tamén se mencionou á pintora Julia Minguillón e á poeta Juana de Ibarbourou e rematou coa interpretación do himno galego a cargo dos alumnos da Escola Municipal de Música e Danza Osorio Gutiérrez.