Lourenzá, 18 de novembro de 2013. Despois do éxito de público nas dúas obras representadas este mes no salón de actos da Casa da Cultura de Lourenzá, que estivo abarrotado de espectadores, o Concello organizará outro ciclo de teatro para comezos do vindeiro ano 2014.
A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou hoxe que “levouse a cabo a segunda representación do ciclo de teatro, dentro do circuíto Buxiganga 2013. De novo o público ateigou o salón de actos da Casa da Cultura, nesta ocasión para gozar durante máis de dúas horas coa representación da peza titulada Ruídos na casa que representou a compañía Raiolas, de Alfoz”.
Lupe Flórez engadiu que “en vista do éxito de público dende a Concellería de Cultura imos tentar organizar un novo ciclo de teatro de cara a comezos do ano 2014 para ofrecerlle a oportunidade aos veciños de Lourenzá de presenciar novas pezas de teatro popular representadas compañías do noso entorno”.