EN LOURENZÁ TIVO LUGAR A PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DA RUTA DA FABA, QUE SE DESENVOLVERÁ AO LONGO DAS VINDEIRAS SEMANAS

O Centro de Interpretación da Faba, en Lourenzá, acolleu esta mañá a presentación da segunda edición da Ruta da Faba, da que poderán gozar mariñáns e turistas os días 13, 20 e 27 de outubro. Esta ruta busca poñer en valor o arte, o patrimonio, a natureza, a gastronomía e o cultivo da faba de Lourenzá. Durante 7 horas grupos de 10 ou 15 persoas poderán percorrer edificios emblemáticos laurentinos, visitar as plantacións de faba e falar cos agricultores, achegarse á Cooperativa Terras da Mariña e gozar dun delicioso xantar composto de produtos da comarca, entre outras actividades. No acto desta mañá participaron o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano; a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; o representante da Cooperativa Terras da Mariña, José Cuadrado; e Pedro Fraga, de Mariña Activa, empresa que se encarga de comercializar esta Ruta da Faba.

Alfredo Llano lembrou que “o Centro de Interpretación da Faba acollía fai case un ano a presentación da Ruta da Faba. Esta vez, e con motivo da celebración da XXVIII Festa da popular leguminosa preséntase unha nova edición da ruta da man da empresa de servizos turísticos Mariña Activa. Mariñáns e turistas poderán experimentar esta ruta os sábados 13, 20 e 27 de outubro”. E dixo que “a Mancomunidade colaborou desde o principio con esta ruta, xa que é unha filosofía que temos a de potenciar todo aquilo que sexa singular. Coa Ruta da Faba presumimos do que temos, do que facemos, como o facemos e para qué serve”.

Para o presidente da Mancomunidade “estas rutas guiadas da faba son unha vantaxe clarísima para quen quere aprender, informarse e coñecer o que aquí se fai. Esta alternativa ofrece a posibilidade de ver a gozar da paisaxe do val de Lourenzá, ver onde se planta a faba… é un acerto e por iso apoiamos este tipo de iniciativas. Cando eu era un neno pequeno e ía ao colexio na Fonsagrada tiña un profesor que nos contaba que había un val extraordinariamente fértil na provincia de Lugo, que era o val de Lourenzá e ao final fun coñecendo e vin parar a esta zona”.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, dixo que “para min é un orgullo dar un pasiño máis neste proxecto que iniciabamos hai un ano. É algo moi importante non só para o noso concello senón para o noso produto por excelencia que é a faba. Esta leguminosa é algo que contribúe aos ingresos de moitas familias de aquí de Lourenzá. Esta iniciativa que hoxe presentamos é algo moi positivo para potenciar o noso patrimonio e a nosa riqueza paisaxística”. E lembrou que “desde o Concello sempre apoiamos esta iniciativa que xurdiu de varias persoas. Estou convencida de que será unha ruta moi atractiva para quen non a coñeza. A ruta da faba é un produto novo, xa que isto non o hai noutros lugares, e penso que vai funcionar e ir para adiante”.

José Cuadrado, en presentación da Cooperativa Terras da Mariña, do Pazo de Tovar e do Forno de Tovar, explicou en qué vai consistir a Ruta da Faba: “a Ruta da Faba, que xurdiu da man da Cooperativa Terras da Mariña xunto ao Pazo e o Forno de Tovar, busca poñer en valor arte, patrimonio, natureza, gastronomía e o cultivo da faba de Lourenzá. Así, ao longo dunha xornada de algo máis de sete horas grupos de entre 10 e 15 persoas terán a oportunidade de percorrer acompañados dun guía varios edificios emblemáticos do concello como a Igrexa de Santa María de Valdeflores, o Museo de Arte Sacro do Mosteiro de San Salvador, o Centro de Interpretación da Faba ou o Pazo de Tovar. Tamén haberá ocasión de percorrer dende a Ponte de Xuncal un pequeno sendeiro pola beira do río ata o Muíño do Pereiro, que rematará cunha degustación da faba verdina”.

Cuadrado seguiu a relatar que “a ruta continuará polas parroquias de San Tomé e San Adriano, e irá ata o Mirador da Valiña, onde agora mesmo hai unhas vistas espectaculares de todo o val. É unha combinación de cores coas fincas da faba están radiantes nesta época. Alí haberá oportunidade de parar nas plantacións de faba e falar cos agricultores que estean traballando e incluso practicar un mesmo. Despois viría a visita ao Pazo de Tovar e alí os asistentes degustarán un delicioso xantar composto de produtos da comarca, como a faba de Lourenzá, a pescada de Celeiro ou o bonito de Burela. E despois da comida visitarán a Cooperativa Terras da Mariña e as súas instalacións así como a forma de traballar”.

E Pedro Fraga, da empresa Mariña Activa, que será a encargada de comercializar a Ruta da Faba, dixo: “Mariña Activa vai ser o encargado de comercializar este paquete. Levamos poucos anos de vida, pero a verdade é que temos bastantes experiencias feitas aquí na Mariña e estamos encantados de contasen con nosoutros. Intentaremos estar á altura das circunstancias. É un paquete moi completo, que leva moitas cousas incluídas e que creo que vai merecer a pena. Vai ser un praza a praza, é dicir que se vai poder anotar todo o mundo, pero iso non quita que un grupo ou unha asociación se poida interesar e se poida anotar. A partir de mañá, a nosa páxina web de Mariña Activa vai ter un enlace no que a xente se vai poder anotar, onde vai estar a descrición e o número de teléfono tamén van poder chamar para anotarse. As datas son 13, 20 e 27 de outubro. Creo que é unha oportunidade fantástica non soamente para a xente de fora, senón para a xente da propia Mariña que moitas veces somos os primeiros descoñecedores do patrimonio que temos. A Mariña ten un potencial enorme, pero necesitamos comercializalo dalgunha maneira. Somos os grandes descoñecidos. Pouco a pouco se nos está coñecendo e nós pretendemos ser un dinamizador máis do entorno”.

No acto de presentación, celebrado esta mañá, estiveron representantes do Concello de Lourenzá, da Cooperativa Terras da Mariña, do Pazo de Tovar, do Forno de Tovar, de Mariña Activa e da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.

Todas aquelas persoas e grupos que queiran facer a Ruta da Faba, que comercializa Mariña Activa, o único que teñen que facer é unha reserva previa no teléfono 683 401 865 ou no correo info@mariñactiva.com. Esta ruta pode facerse durante todo o ano, aínda que resulta moito máis atractiva cando as fincas da faba están en todo o seu esplendor.