Esta semana comezaron os traballos de pintado da sinalización horizontal nas rúas do casco urbano de Lourenzá.
A alcaldesa, Rocío López, explicou: “estase procedendo ó repintado de todas as liñas brancas e amarelas de pasos de peóns, stops, zonas de aparcamento e cruces das distintas rúas do casco urbano. O material empregado para os pasos de peóns e un tipo especial de pintura antideslizante para evitar posibles resbalóns dos viandantes sobre todo nos días de choiva”.
A rexedora municipal engadiu que “era moi necesario volver pintar xa que a maioría dos pasos de peóns e cedas perderan toda a intensidade da cor branca dificultando a súa visibilidade e poñendo en perigo aos peóns e aos condutores. Tamén se van pintar novos pasos de peóns nalgunhas das rúas onde non existían e onde se detectou que eran necesarios pola gran afluencia de xente a pe que día a día cruza sen máis pola vía publica ante a falta dun lugar habilitado para facelo. Era por tanto moi necesario e primordial acometer estas obras para velar pola seguridade dos nosos cidadáns”.
Rocío López especificou que “as rúas nas que se está actuando son Travesía da Mariña, Avenida do Val, Avenida de Mondoñedo, Francisco Fernández del Riego, Muíño do Frade, Paseo de Oya, Rúa das Prazas, Calvo Sotelo, Avenida de Soutelo e Rúa Secretario Luis Iglesias”.