Lourenzá, 18 de maio de 2013. O primeiro certame de narración e debuxo denominado “Lourenzá, arte e historia no camiño” foi fallado e xa entregaron os premios aos gañadores. Este concurso fora convocado no pasado mes de abril polo Concello de Lourenzá e a asociación de comerciantes, industriais e autónomos local (Acial) co patrocinio de Pastelería Cabaleiros, cuxo propietario foi o promotor desta iniciativa dirixida a estudantes de Primaria, ESO e Bacharelato de todos os centros da Mariña.
No salón de actos da Casa da Cultura de Lourenzá tivo lugar a entrega dos premios do certame. O acto foi presentado pola concelleira de Cultura de Lourenzá, Lupe Flórez, e estiveron ademais a alcaldesa, Emma Álvarez; o dono de Pastelería Cabaleiros e patrocinador do evento, Isidro Rodríguez; a membro da directiva da ACIAL de Lourenzá, Reyes Cruz; e os compoñentes do xurado (Fe Fernández, representando a ACIAL; Amanda Gasalla, Maruja Rivas e Carmen Seivane, mestras xubiladas de Lourenzá; e Lupe Flórez, polo Concello).
A concelleira de Cultura agradeceu aos membros do xurado a súa colaboración e explicou que “foron elixidos de xeito consensuado nas reunións mantidas entre o patrocinador, a ACIAL e o Concello, pola súa experiencia no mundo da ensinanza”. Tamén comentou que “aínda que as bases recollían a Categoría C (de narración para Bacharelato) como non se recibiu ningún traballo os membros do xurado, co consentimento do patrocinador, decidiron outorgar os 150 euros da dotación económica do premio desta categoría repartidos en tres de 50 euros, para tres premios de debuxo, dada a cantidade e a calidade de traballos recibidos nesta categoría.
Os premiados na categoría A (debuxo para alumnos/as de Primaria) con 50 euros cada un son Raúl Santor Iglesias, Antía Lillo Irimia, Lara Barroso Cabaleiro e Sandra Rodríguez López, todos eles alumnos do Ceip Juan Rey, de Lourenzá. E na categoría B (narración para alumnos/as de ESO) a gañadora foi Fátima Reino Reigosa, que recibiu 100 euros. É veciña de Lourenzá e estuda no IES San Rosendo, de Mondoñedo.
Os premios consisten en vales de compra que poden ser empregados en calquera dos establecementos asociados á asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá.