A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, a laurentina Isabel Vilalba, manifestou que lle fai ilusión pregoar a Festa da Faba aínda que lle sorprendeu que llo propuxeran. No programa do evento, que comeza este venres 30 e remata o domingo 3 de outubro, inclúese tamén unha exposición de pinturas de Xoán Guerreiro, a proxección dun audiovisual sobre A Mariña elaborado por Xesús do Breogán e a presentación dun libro do que é coautor o veciño de Lourenzá Ignacio Castro.
O pregón será o sábado ás 12 do mediodía na praza do Conde Santo e Isabel Vilalba explicou que “a este tipo de propostas non estou habituada e colleume con esta sensación de pudor, porque en xeral a todo o que son actos de protocolo intento non asistir de maneira habitual. Pero eu normalmente participo moi activamente aquí, en Lourenzá, en todo tipo de cuestións, sobre todo cando hai propostas de asociacións. De feito formo parte dunha parte significativa delas: desde a ANPA, a asociación cultural ou as cousas que se fan no Concello, por exemplo Os Maios, ou desde asociacións de veciños; con regularidade participo nelas. Para min é unha ilusión facer cousas cos meus veciños e veciñas e neste caso dunha maneira particular porque é un evento que dende hai xa 26 edicións se fai cun produto que acabou converténdose en moi emblemático para a nosa comarca porque entre outras cousas constitúe unha achega importante e un medio de vida de centos de familias. Despois acaba sendo un evento que é de recoñecemento á xente agricultora, como poden dinamizar o territorio, como xeran emprego, como o fan ademais a través dun produto de calidade. Despois do apuro inicial e inesperado para supón unha ilusión estar cos veciños e veciñas e coa xente que se achegue con este tipo de propostas”.
Para a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego “ademais acaba sendo unha oportunidade para reflexionar como un produto é capaz de facer unha dinamización económica tan importante; e iso en Galicia é interesante velo porque somos a quinta comunidade pola cola a nivel de importación de alimentos. Temos un déficit na balanza comercial de máis de 900 millóns de euros anuais; e aínda que a xente ás veces ten a imaxe contraria, a maioría do que chega ás nosas mesas, con excepcións dalgúns produtos gandeiros, lácteos, a nivel de froito, hortícola ou elaborados e transformados a maioría veñen de fóra. E climaticamente e pola situación que temos iso podería ser unha oportunidade para que moita xente puidera vivir diso e puidéramos ter moitas opcións para que a xente non tivera que marchar, polo menos obrigada por non ter opcións. Entón faime ilusión por onde é, polo tema que se desenvolve e tamén con esa idea de que parece que é o camiño: apostar por produtos de calidade, que xeren emprego e sirvan para dinamizar socialmente e economicamente as nosas comarcas”.
Pero os actos da Festa da Faba comezarán o venres ás 18:30 horas coa inauguración da exposición Aproximación á miña propia colleita, do pintor Xoán Guerreiro, que estará aberta ao público na Casa da Cultura e que inclúe a pintura que se reproduce no cartel desta edición do festexo, entre outras obras. Guerreiro explicou: “o cartel foi feito por Mateo Guerreiro, o meu fillo, e eu. Foi unha cousa que xurdiu en equipo, os dous falando de cómo tiña que ser o cartel e as características de Lourenzá. Entón pintei este cadro de fabas, que vai ser para o Concello de Lourenzá, e con esa imaxe el confeccionou o cartel da Festa da Faba. A consecuencia disto a alcaldesa propúxome facer unha exposición e como acababa de rematar unha na Casa da Parra e noutros lugares de Galicia con obras dunha serie de froitas pintadas in situ, na árbore; fun recollendo fotos de todas as froitas que vía paseando pola Mariña e niso vai baseada a exposición”.
Despois da inauguración desa mostra presentarase no salón de actos do Concello o libro titulado Entrar na casa, de Eduardo Estévez e Ignacio Castro. Este último, veciño de Lourenzá, comentou: “este libro presentámolo en diversos sitios como Santiago, Lugo, Lalín ou Noia, e por que non no sitio de onde son eu. Entón falando co responsable de Cultura do Concello pareceulle unha boa idea e concretamos a data para presentalo no marco da Festa da Faba. Este libro naceu un pouco froito do azar: a consecuencia dun libro anterior de Eduardo Estévez que chegou ás miñas mans de forma totalmente casual na casa dun amigo coñecido como Caxigueiro. Foi un libro que a min impactoume moitísimo e gustoume polo feito de que é un poemario que é xustamente oposto ao que pode ser algo complexo; aí precisamente radica a súa potencia porque é un libro cuns poemas que se poden comprender perfectamente pero que a súa vez segundo o vas lendo van creando unha historia dentro da túa cabeza, co cal permiten que sexa unha inmersión total na historia que está contando”.
A continuación, ás 19:30 horas do venres e tamén no salón de actos do Concello, proxectarase o audiovisual titulado Riquezas paisaxísticas e arquitectura histórica da Mariña a cargo do focense Jesús Basanta, coñecido como Xesús do Breogán, quen explicou como xurdiu a inclusión desta actividade no programa da Festa da Faba: “cando empecei con este proxecto para ter unha información máis concreta sobre Lourenzá púxeme en contacto coa delegación de Cultura do Concello e propuxéronlle á alcaldesa incluír esta actividade na Festa da Faba. Eu mesmo fixen as fotos dos fabais e para min o val de Lourenzá é por excelencia a riqueza paisaxística da Mariña, como noutros sitios pode ser unha catarata ou unha fervenza. Como poden ser as covas do Rei Cintolo ou eucaliptal de Chavín, en Lourenzá a parte paisaxística para min máis fermosa é o propio val de Lourenzá, que produce absolutamente de todo. Ademais a proxección leva unha parte histórica e eu vou falar da Igrexa de San Salvador de Lourenzá, do sartego de Osorio Gutiérrez, porque este aparece no documento máis antigo que se coñece do porto de Foz, de cando incluso se di que puido chamarse Moreda en vez de Foz, e aí é onde aparece que na ría de Foz foi atopado o sartego de Osorio Gutiérrez, o Conde Santo, que supostamente navegou desde Terra Santa por todo o Mediterráneo e subiu polo Atlántico ata a ría de Foz; é unha lenda semellante á de Santiago Apóstolo. Falo tamén do Pazo de Tovar”.