LOURENZÁ E RIBADEO SERÁN ESCENARIO ESTE VENRES E ESTE SÁBADO, RESPECTIVAMENTE, DA PREESTREA E DA ESTREA DE JUANA, UNHA PERFORMANCE MULTIDISCIPLINAR EN HOMENAXE A JUANA DE IBARBOUROU

O Concello ribadense acolleu este mediodía a presentación da preestrea e estrea de Juana, unha perfomance multidisciplinar en homenaxe a Juana de Ibarbourou na que a poesía, a música e a danza serán as protagonistas. A preestrea desta creación será o venres, día 9, en Lourenzá, no salón de actos do Concello ás 20:00 horas, e a estrea o sábado, día 10, en Ribadeo, no Cine Teatro ás 21:00 horas. Os Concellos de Ribadeo e Lourenzá apostaron desde o primeiro momento por esta creación, algo que lles agradeceu a súa autora e directora, a laurentina Marina Oural. No acto desta mañá estiveron presentes tamén a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e o concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña.

O edil nacionalista manifestou nesta presentación que “sempre é un pracer asistir a un acto deste tipo neste salón de plenos do Concello de Ribadeo, para presentar calquera tipo de acto cultural, pero nesta ocasión como ademais ten sabor a poesía, a música, a danza, a cores e iluminación, e a vangarda, especialmente compracido de poder compartir mesa coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e coa creadora que puxo en marcha este proxecto, Marina Oural”.

Farruco Graña indicou que “temos cita coa poesía e a música. Este sábado poderemos asistir á estrea en Ribadeo e o venres en Lourenzá á preestrea, dunha aposta estética especialmente singular. Hai que arriscar, buscar novas formas, novas ideas. Nese senso sabemos que en toda a comarca da Mariña luguesa contamos con xente con moita maxia creativa, e entre eles está Marina Oural e felicítoa por esta importante aposta”.

O edil quixo “animar a todos os ribadenses, homes e mulleres amantes da poesía e da música, a todos os mariñáns en xeral e persoas do Occidente de Asturias a que fagan un anaquiño no seu tempo para achegarse ata Lourenzá, o venres, e a Ribadeo o sábado, para poder gozar dun espectáculo poético-musical moi singular que ademais vai poñer de relevo o noso vínculo co mundo enteiro. Todas as persoas que deixaron a nosa terra ben na procura de fortuna ben na procura de posibilidades para sacar adiante o seu proxecto vital, toda esa masa crítica que leva a nosa cultura, a nosa lingua e as nosas vivencias polo mundo adiante, de toda esa xente sempre sae algo con especial forza creadora, e neste caso a figura de Juana de Ibarbourou, laurentina que xa naceu en Montevideo, pero que levou a sabia e o espírito da lingua e da cultura galegas a través dos seus pais”.

Graña subliñou que “Juana de Ibarbourou vai estar presente connosco, e volve honrar a quen levou a nosa imaxe e a nosa cultura polo mundo adiante. É bo que aprendamos do que eles aprenderon polo mundo adiante porque a fin de contas ese proxecto de Galicia célula de universalidade, temos que seguir levándoo adiante e aproveitando esas sinerxias que nos proporciona a experiencia da emigración”.

Pola súa banda a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, sinalou que “esta obra que presentamos aquí hoxe fálanos dunha semente en movemento que dende Galicia a Uruguai comeza a súa viaxe coa grande poeta uruguaia Juana de Ibarbourou, falamos polo tanto dun vínculo existente entre Galicia e Uruguai”.

A rexedora dixo: “como alcaldesa de Lourenzá gustaríame centrarme no vínculo existente entre Uruguai, Lourenzá e Juana. A protagonista desta obra, Juana de América, como era máis comunmente coñecida, tiña grandes vínculos con Lourenzá. O seu pai, Vicente Fernández, naceu en Lourenzá no barrio da Tilleira no ano 1853, era de familia de muiñeiros e desempeñou ese oficio dende moi novo no coñecido muíño do Frade ata que se viu na obriga de emigrar a Uruguai. A nosa Juana naceu en Uruguai, pero sempre levou no corazón as raíces da terra do seu pai, ese amor por Galicia e por Lourenzá que sempre deixou plasmado nas súas obras e nos seus poemas. En xuño de 1963 inaugurouse a Biblioteca Pública Municipal de Lourenzá co nome de Juana de Ibarbourou, e con este nomeamento o pobo de Lourenzá rendía homenaxe á insigne poeta residente en Montevideo”.

A alcaldesa laurentina manifestou que “nosoutros estivemos mirando no arquivo histórico e gardamos varios arquivos con información ao respecto, entre os cales nos sorprende unha carta que a propia Juana enviou naquel momento cando se lle deu o nome a biblioteca, ao alcalde de Lourenzá. Vou dicir unhas palabras que ela mesma escribiu nesa carta: una biblioteca en esa tierra de mi padre con su nombre venerado en el mío de versos, nunca nadie tendrá un feudo de tanta riqueza espiritual y de corazón”.

Rocío López engadiu que “tamén se conserva unha gravación dun poema que a propia poeta uruguaia dedica a esta terra, e cito unhas pequenas estrofas dese poema que di: y grabo para todos ellos un pequeño poema que es apenas una mínima corola de mis rojas verbenas nativas. Las sueño con doble sueño de ausente novia y de hija, si algún día a ti llegara quiero sentirme Galicia recibida por tus gaitas en un crepúsculo lila de violetas y de malvas, de jacintos y glicinas. Tengo tu aire en el pecho como una dicha vecina. Creo que se aprecia claramente o amor e o cariño que sentía a nosa poetisa polo pobo do seu pai. Pese ao desexo que ela tiña de vir a ver e visitar esta vila nunca chegou a realizar esa viaxe, e hoxe lle facemos esta pequena homenaxe”.

A alcaldesa lembrou: “o gran vínculo que existía entre Juana de América e Lourenzá sempre estivo presente. Fixéronse máis homenaxes, no ano 2007 nomeóuselle Filla Adoptiva do Concello de Lourenzá a título póstumo, e hoxe damos un pasiño máis, presentamos esta obra que non deixa de ser unha condecoración máis en homenaxe á nosa poetisa”.

Rocío López indicou que “este é un traballo que nace da colaboración de dous Concellos, o de Ribadeo e o de Lourenzá, e a laurentina Marina Oural cos cales foi un privilexio traballar e quero dar as grazas por contar con nós para a posta en marcha desta iniciativa. Juana é unha obra que inicia a súa viaxe en Lourenzá e en Ribadeo, e que sen dúbida chegará a moitos lugares do mundo, entre eles Uruguai ao igual que a nosa poetisa. Xuntos o Concello de Ribadeo, Marina Oural e o Concello de Lourenzá, embarcámonos neste proxecto en recordo á nosa ilustre e querida poeta uruguaia, un recordo que sempre segue presente no amor vivo que ela sentía por Galicia e que esperamos perdure vivo con esta obra”.

A alcaldesa de Lourenzá quixo “invitar a todos a participar no acto de preestrea que terá lugar este venres, día 9, ás oito da tarde no salón de actos do Concello de Lourenzá, e tamén á gran estrea que se celebrará o sábado, día 10, aquí en Ribadeo ás nove da noite e na que espero estar presente”.

A creadora e directora de Juana, Marina Oural, lembrou que en Ribadeo realizou a súa residencia artística o pasado mes de maio. Os ensaios desta creación tiveron lugar en Santiago, Madrid, Cádiz e Ribadeo. Marina Oural, de Lourenzá, dixo que sempre pensou que a faba da súa terra era arte e a faba tamén estará presente nesta homenaxe a Juana de Ibarbourou. Na súa intervención sinalou: “é importante para min destacar que en todo o proceso ata o día de hoxe, que seguimos, a improvisación libre forma parte da creación de todos e cada un dos pasos. Porque como ben di Chefa Alonso, a directora musical, na improvisación requírese moito máis ensaio; é dicir, só podes chegar a facer ben a improvisación se sabes moi claramente as pautas e a folla de ruta. Entón témolo moi claro, tiven moita sorte e agradezo moito á vida e ás persoas que me están apoiando en todo isto, porque non é fácil e desde logo sinto que Juana non só foi alguén que escribiu moi ben, senón que foi unha muller que escribiu desde a vida; e aí vamos: desde a vida para a escena, que é terra”.

Ademais de agradecer a colaboración e participación dos Concellos de Lourenzá e Ribadeo destacou “a colaboración da cooperativa Terras da Mariña, cedendo fabas de Lourenzá para usar como elemento escénico. Estou cumprindo un sono: sempre pensei que a faba de Lourenzá era arte. Así o traballei con empeño desde o meu gabinete de relacións públicas no seu día e por fin a faba de Lourenzá vai para a escena. Non podo estar máis orgullosa”.

 

LOURENZÁ E RIBADEO SERÁN ESCENARIO ESTE VENRES E ESTE SÁBADO, RESPECTIVAMENTE, DA PREESTREA E DA ESTREA DE JUANA, UNHA PERFORMANCE MULTIDISCIPLINAR EN HOMENAXE A JUANA DE IBARBOUROU
LOURENZÁ E RIBADEO SERÁN ESCENARIO ESTE VENRES E ESTE SÁBADO, RESPECTIVAMENTE, DA PREESTREA E DA ESTREA DE JUANA, UNHA PERFORMANCE MULTIDISCIPLINAR EN HOMENAXE A JUANA DE IBARBOUROU
LOURENZÁ E RIBADEO SERÁN ESCENARIO ESTE VENRES E ESTE SÁBADO, RESPECTIVAMENTE, DA PREESTREA E DA ESTREA DE JUANA, UNHA PERFORMANCE MULTIDISCIPLINAR EN HOMENAXE A JUANA DE IBARBOUROU