Lourenzá, 15 de maio de 2013. A corporación municipal de Lourenzá celebrará pleno o vindeiro luns, día 20 ás doce e media do mediodía con 13 puntos na orden do día. Entre eles figuran as ordenanzas para regular o uso de espazos e vías públicas de titularidade municipal.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, adiantou os asuntos máis salientables que se van tratar na sesión plenaria. Dous deles son “dar conta do informe da secretaria do primeiro trimestre deste ano 2013 sobre o seguimento do plan de axuste e ratificar un acordo da alcaldía e despois da xunta de goberno local celebrada o 22 de marzo polo que se abre o expediente para a aprobación do escudo heráldico e a bandeira”.
Emma Álvarez tamén anunciou que se abordará “o exame e aprobación do expediente de modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos das escolas deportivas, que era unha das medidas que ían no plan de axuste que fixemos no ano 2011, no que un dos compromisos era subir as taxas no 2013. Tendo en conta que as escolas deportivas se pagan no mes de setembro fómolo deixando ata este pleno”.
A rexedora local explicou ademais que “houbo que facer unhas pequenas modificacións no regulamento de réxime interior do punto de atención á infancia Meniños, que xa está publicado e en vigor, posto que os nenos xa poden comer a mediodía, pero para poder visalo faltábanos facer referencia a dúas leis que non citábamos e por ese motivo ter que volver outra vez ao pleno”.
Entre os asuntos que figuran na orden do día da sesión a alcaldesa tamén fixo referencia á “ordenanza municipal reguladora do uso e aproveitamento dos espazos públicos de titularidade municipal e tamén a ordenanza reguladora do uso e aproveitamento especial de vías públicas e espazos de titularidade municipal. Anteriormente estas dúas ordenanzas estaban refundidas nunha única, a partir da cal cun informe xurídico elaborado pola Xunta de Galicia fixemos xunto co secretario da Mancomunidade unha ordenanza única para tódolos concellos da Mariña de Lugo. E esa ordenanza que vai regular os espazos e as vías públicas de titularidade municipal e que pretendemos aprobar é a mesma que se aprobou no pleno da Mancomunidade e que me consta que se vai levar a pleno en tódolos concellos, sexan da cor que sexan. Tamén levamos outra ordenanza fiscal reguladora do prezo público para poder cobrar as visitas ao Centro de Interpretación da Faba. A mesma persoa que fai de guía do mosteiro e da igrexa tamén ensina o Centro de Interpretación da Faba, pero ata o día de hoxe non existía ningunha ordenanza que regulara o cobro da entrada e neste pleno pretendemos aprobala”.