O CONCELLO DE LOURENZÁ ORGANIZA UN SEMINARIO SOBRE AGRICULTURA E GANDERÍA ECOLÓXICAS PARA O 14 DESTE MES

O venres 14 de novembro levarase a cabo no salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá un seminario gratuíto sobre agricultura e gandería ecolóxicas. A actividade desenvolverase en horario de 10 a 14 horas pola mañá e de 16 a 18 horas pola tarde. Os interesados poden realizar xa as súas inscricións na Casa do Concello, a través do teléfono 678.64.55.49 ou no enderezo electrónico asociación.dpe@gmail.com.

O obradoiro está organizado polo Concello de Lourenzá e vai dirixido a asociacións de produtores agrarios, aos propios produtores interesados en reconverterse en produtores ecolóxicos, a operadores do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, a parados en busca de alternativas para implantar negocios no ámbito rural e a calquera persoa interesada neste tipo de agricultura. Entre os seus principais obxectivos están os de explicar o que son a gandería e a agricultura ecolóxicas, orientar sobre as producións máis interesantes na zona, amosar as facilidades e dificultades desta alternativa de negocio, presentar as posibilidades de comercialización da produción ecolóxica e informar sobre os trámites de alta habituais nas explotacións e industrial ecolóxicas.

Os asistentes poderán formarse en cinco grandes bloques de contidos: a normativa e lexislación da agricultura ecolóxica, a produción animal neste tipo de explotacións, a produción vexetal ecolóxica, o proceso de comercialización e márketing de produtos e as axudas ás que se poden optar a través da Consellería de Medio Rural. A actividade será impartida por técnicos da asociación para o desenvolvemento da produción ecolóxica DeproECO e está financiada polo Ministerio de Agricultura, a Xunta de Galicia e o Plan Feader da Unión Europea.

 

PROGRAMA

• Produción ecolóxica. Normativa e certificación. Contará coa explicación dos requisitos xerais sobre gandería maior e menor e sobre agricultura en produción ecolóxica. Rexistros e inscrición de operadores, etiquetado e logotipos de produción ecolóxica. (1 hora).

• Produción animal na explotación ecolóxica. Centrarase nos sectores; vacún, ovino- caprino, porcino, avícola e apícola. Abarcará puntos como a introdución á xestión de unha explotación, instalacións, maquinaria e equipos dunha explotación, alimentación, manexo reprodutivo, bases da sanidade, métodos de prevención e curación, cría, recría e cebo. (1 hora e 30 minutos).

• Produción vexetal na explotación ecolóxica. Centrarase nos sectores; hortícola, vitícola, castañicultura e frutícola. Abarcará puntos como os plans de conversión, períodos de conversión, entorno das parcelas, manexo do solo, rotación de cultivos, programa de abonado, pragas e enfermidades contaminacións por metais pesados, por deriva e por tratamentos aéreos, auga de rega, colleita, tratamentos poscolleita e almacenaxe. (1 hora e 30 minutos).

• Comercialización e márketing. Canais de venta; tendas certificadas con produtos ecolóxicos, tendas non certificadas, feiras e mercados, (1 hora).

• Axudas Consellería do Medio Rural. (1 hora).

 

OBXECTIVOS

1. Explicar o que é a gandería e a agricultura ecolóxicas.

2. Orientar a temática ás producións máis interesantes na zona

3. Amosar as facilidades e dificultades como alternativa de negocio

4. Presentar as posibilidades de comercialización da produción

5. Informar dos trámites de alta e habituais das explotacións e industrias ecolóxicas

 

DESTINATARIOS

Asociacións de produtores agrarios

Produtores agrarios interesados en reconverterse en ecolóxico

Operadores do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia

Produtores agrarios Parad@s en busca de alternativas para implantar negocios no ámbito rural

Calquera persoa interesada en agricultura ecolóxica

 

As persoas interesadas en participar deberán devolver cuberto o Anexo III (descargar en PDF)

Declaracións de José Cuadrado (MP3)

O CONCELLO DE LOURENZÁ ORGANIZA UN SEMINARIO SOBRE AGRICULTURA E GANDERÍA ECOLÓXICAS PARA O 14 DESTE MES