O CONCELLO DE LOURENZÁ ORGANIZA UNHA VIAXE Á XV FERIA DE LA ALUBIA Y LA HORTALIZA EN CASAR DE PERIEDO (CANTABRIA)

Preto dun centenar de veciños acompañarán o próximo domingo, 17 de novembro, á alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, a participar como concello invitado na XV Feria de la Alubia y la Hortaliza en Casar de Periedo, localidade do concello de Cabezón de la Sal (Cantabria). A viaxe inclúe degustación do cocido montañés.

Ademais de Lourenzá, nese evento participarán como concellos invitados os de La Bañeza (León), Saldaña (Palencia) e Arnuero (Cantabria).

O concelleiro de Cultura laurentino, Manuel Arango, explica que “nesta feira, declarada de interese turístico rexional, os veciños da localidade son os verdadeiros protagonistas trasladándonos por un día á vida dos anos 40 do século pasado. Está prevista a instalación de máis de 200 postos de venda de produtos hortícolas e de artesanía. O Concello de Lourenzá estará presente cun stand onde se ofrecerá, entre outros produtos, a faba de Lourenzá, sendo este un perfecto escaparate para dar a coñecer en máis lugares da nosa xeografía a nosa afamada leguminosa”.