O CONCELLO REALIZARÁ OBRAS DE MELLORA NAS INSTALACIÓNS DO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA MENIÑOS E DOTARAO DE NOVOS EQUIPAMENTOS

O Concello de Lourenzá realizará obras de mellora nas instalacións do Punto de Atención á Infancia Meniños e dotarao de novos equipamentos. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Rocío López García.

A rexedora municipal explicou que “esta actuación financiase a través da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e o fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A axuda económica ascende en total a 24.338,81 euros. Os traballos a realizar consistirán no acondicionamento integral da zona de baños, cambiando por completo o pavimento e a instalación de fontanería e colocando novos accesorios e sanitarios. Tamén se levará a cabo a pintura de todo o interior do local e a mellora no sistema de calefacción existente a través de novos radiadores eléctricos. Con isto pretendemos mellorar a temperatura existente no centro, sobre todo no inverno, e crear un ambiente cálido que contribúa ó benestar físico dos nenos e nenas”.

Rocío López engadiu que “outra das actuacións que se van acometer é a cuberta cunha estrutura metálica do patio exterior ou zona de xogos ao aire libre, para que os nen@s podan disfrutar desta zona de recreo ó longo de todo o ano, algo que actualmente se fai practicamente imposible xa que as condicións climatolóxicas non o permiten por atoparse ó descuberto. Na parte de equipamento cambiarase parte do mobiliario existente por outro novo e dotarase de material didáctico e para xogo simbólico e de estimulación. Tamén se procederá á compra dun equipo informático”.

A alcaldesa rematou comentando que “estas actuacións levaranse a cabo ó longo deste mes de novembro e permitirán mellorar moi positivamente as instalacións e a calidade na prestación do servizo no PAI Meniños”.