OS VECIÑOS DE LOURENZÁ XA PODEN TRAMITAR NAS OFICINAS MUNICIPAIS CAMBIOS DE DOMICILIO NOS SEUS PERMISOS DE CONDUCIÓN E CIRCULACIÓN. A MEDIDA PÚXOSE EN MARCHA O LUNS E EVITA QUE OS LAURENTINOS TEÑAN QUE DESPRAZARSE A LUGO PARA ESTE TIPO DE XESTIÓNS

Lourenzá, 6 de agosto de 2014. Os veciños de Lourenzá xa poden tramitar nas oficinas municipais os cambios de domicilio nos seus permisos de condución e circulación, evitando así ter que desprazarse a Lugo. A medida foi posta en marcha polo Concello o pasado luns, día 4 de agosto, despois de firmar un protocolo de adhesión a un convenio entre a Federación Española de Municipios e Provincias e a Dirección General de Tráfico. Así o explicou a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen afirmou que a intención do proceso “é facilitarlles aos nosos veciños as xestións, evitándolles desprazamentos”.

A rexedora explicou que “dende este luns xa podemos tramitar nas oficinas municipais os cambios de domicilio en permisos de condución e de circulación. Isto foi grazas a que asinamos coa xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, un protocolo de adhesión ao convenio que firmou no seu día a Federación Española de Municipios e Provincias coa Dirección General de Tráfico”. Emma Álvarez destacou que “con este convenio o que se permite é que os cidadáns poidan tramitar dende o Concello o cambio de domicilio no seu permiso de condución e tamén no permiso de circulación dos vehículos que posúa”.

A alcaldesa de Lourenzá engadiu que “este convenio permítelle ao cidadán que poida realizar estes trámites dende a súa oficina municipal, evitando desprazamentos no noso caso á capital, á Lugo. Por outro lado, a adhesión a este convenio tamén permite unha maior actualización dos rexistros de condutores e de vehículos”. Unha actualización coa que Álvarez espera “que melloren os servizos de xestión tributaria dos concellos e tamén as notificacións.

Para a rexedora laurentina “o convenio recolle ademais diversas medidas que potencian a comunicación de información entre a Dirección General de Tráfico e o Concello.”