- O conselleiro de Medio Ambiente e a alcaldesa de Lourenzá asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre ambas administracións.
- Este acordo, incluído no Plan HURBE, contará cun orzamento de 33.500 euros que a Xunta de Galicia achegará na súa totalidade.
- A actuación previstas dotará á zona dunha infraestrutura viaria e de servizos en condicións óptimas a través da mellora do pavimento, alumado e canalización do saneamento.
Santiago, 23 de novembro de 2013.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou esta mañá coa alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, un convenio de colaboración para levar a cabo a reparación de beirarrúas e servizos xerais nas vías Fernández del Riego e Muíño do Frade, situadas en pleno centro urbano do municipio.
Este acordo, incluído no Plan HURBE, ten como obxecto mellorar as condicións de seguridade e tránsito peonil da zona, xa que presenta deficiencias no pavimento da beirarrúa, que supoñen un perigo para os viandantes. Ademais non existe unha canalización de alumado e un 20% da canalización de saneamento presenta defectos e diminución na súa operatividade.
Co fin de solventar estas deficiencias o departamento dirixido por Agustín Hernández, dentro da súa colaboración coas administracións locais, achegará a totalidade do orzamento valorado en 33.500 euros, que dotaran á zona obxecto dunha infraestrutura viaria e de servizos en condicións óptimas.
Pola súa banda, o Concello de Lourenzá comprométese a redactar os documentos técnicos que definan as accións a executar; realizará as xestións pertinentes para a obtención de permisos, licencias e autorizacións; e levará a cabo as actuacións de contratación, execución, dirección, control e recepción das obras.
Desenvolvemento da mellora urbana
Os traballos que se levaran a cabo consisten en acondicionar as beirarrúas dunha das marxes da vía Fernández del Riego e a esquina da mesma marxe da rúa Muíño do Frade, nunha lonxitude de 100 metros lineais e cunha anchura de 2 metros. Para elo, será preciso o levantamento do pavimento actual, a implantación das infraestruturas de alumado público, e a substitución da rede xeral de saneamento onde fose necesario. A actuación completarase coa colocación ou recolocación de bordo e a pavimentación con baldosa de pedra sobre soleira de formigón.
O convenio terá a duración precisa para a completa execución das actuacións recollidas, e para o seu correcto desenvolvemento constituirase unha comisión de seguimento formada por un representante de cada unha das partes.