Novas

VECIÑOS DE LOURENZÁ, MONDOÑEDO, VIVEIRO, BARREIROS E RIBADEO PARTICIPAN NUN CURSO DE MANIPULADOR DE PRODUTOS FITOSANITARIOS

Máis de vinte traballadores agrarios e desempregados dos concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Viveiro, Barreiros e Ribadeo participan no curso de aplicador manipulador de produtos fitosanitarios que empezou onte no salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá. Foi inaugurado pola alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, e por un responsable de formación da asociación agraria Asaja, Manuel López.

O DÍA 21 DESTE MES EMPEZA UNHA NOVA EDICIÓN DO TALLER DE MEMORIA DIRIXIDO A MAIORES. OS INTERESADOS PODERÁN INFORMARSE SOBRE ESTA INICIATIVA O 15 DE OUTUBRO

O Concello de Lourenzá pon en marcha un ano máis o seu taller de memoria. A actividade dará comezo o martes 21 de outubro e os interesados xa poden achegarse aos Servizos Sociais Municipais, situados no Torreón dos Frades, para recibir información. Paralelamente, o goberno municipal organiza para o vindeiro día 15 deste mes ás 17:00 horas unha charla explicativa sobre todo o referente a este taller de memoria.

A ALCALDESA DESTACA O ÉXITO DA XXIV FESTA DA FABA A PESAR DO MAL TEMPO QUE HOUBO O SÁBADO POLA TARDE. VENDÉRONSE 6.504 QUILOS DE FABAS E REPARTÍRONSE 975 RACIÓNS NAS DEGUSTACIÓNS

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, destacou hoxe o éxito de público na XXIV edición da Festa da Faba, que rematou onte á noite, a pesar do mal tempo que houbo o sábado pola tarde. A rexedora explicou que se venderon 6.504 quilos de fabas nos mercados e nas degustacións repartíronse un total de 975 racións.