Novas

O CENTRO DE DÍA PARA MAIORES ACOLLERÁ MAÑÁ, VENRES, UN ESPECTÁCULO DE ANIMACIÓN MUSICAL E TEATRAL

O centro de día para persoas maiores de Lourenzá acollerá mañá, venres, a partir das 16.30 horas un espectáculo de animación musical e teatral.

A alcaldesa, Rocío López, explicou que esta actividade “está enmarcada dentro do proxecto de animación para persoas maiores Entre avós anda o xogo, do grupo Galimatias” e engadiu que “estas actividades de animación musical e teatral teñen como idea principal buscar un repertorio sinxelo que facilite a participación tanto dos usuarios do centro como de todo o público asistente”.

A SALA DE EXPOSICIÓNS MUNICIPAL ACOLLE DENDE HOXE ATA O DÍA 18 DESTE MES UNHA MOSTRA SOBRE O CAMIÑO NORTE DE SANTIAGO

A sala de exposicións do Concello de Lourenzá acolle dende hoxe, mércores, ata o 18 deste mes, unha mostra de imaxes do Camiño Norte de Santiago.

A exposición consta de 18 paneis nos que amosan as principais manifestacións artísticas, históricas e naturais desta ruta xacobea na que Lourenzá ocupa un lugar importante. A información que recollen os paneis ofrece ao visitante unha visión de todo o patrimonio artístico e histórico existente nos distintos lugares polos que discorre o Camiño.

A NENA LAURENTINA ANTÍA LILLO IRIMIA FOI PREMIADA NA FASE PROVINCIAL DO CERTAME DE POESÍA DE NADAL

A nena laurentina Antía Lillo Irimia foi premiada na fase provincial do certame de poesía infantil de Nadal 2015, concretamente na categoría C.

O poema de Antía Lillo titúlase Lume aceso no nadal e a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, comentou: “dende o Concello queremos felicitar á premiada pola gran calidade do traballo presentado”.

O poema manuscrito pola súa autora será publicado na páxina web do Concello.