Novas

O CURSO DE INICIACIÓN Á CESTERÍA QUE SE DESENVOLVE NO CENTRO SOCIAL DE SAN XORXE CONTA CON 15 PARTICIPANTES

Quince persoas participan no curso de iniciación á cestería que se desenvolve no centro social de San Xorxe. Esta actividade está organizada polo Concello de Lourenzá en colaboración co Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD).

En principio había unicamente dez prazas pero debido a gran demanda existente houbo que ampliar a 15 e aínda así algúns dos inscritos tiveron que quedar en lista de espera para cando se organice outro curso deste tipo.

ABRÍU HOXE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS COMERCIANTES QUE QUEIRAN PARTICIPAR NO II MERCADO DE NADAL, QUE SE CELEBRARÁ OS DÍAS 20 E 21 DE DECEMBRO

Hoxe abriuse o prazo para que os comerciantes que desexen participar no II Mercado de Nadal de Lourenzá poidan facelo inscribíndose antes do 5 de decembro no teléfono 658.04.40.39. Este mercado está organizado pola asociación de comerciantes, industrias e autónomos de Lourenzá (ACIAL) en colaboración co Concello e levarase a cabo o fin de semana do 20 e 21 de decembro. Nel poderán participar tódolos membros da asociación de comerciantes, que non precisarán levar a cabo inscrición algunha.

A OBRA OS PUTATIVOS CHEGA ESTE SÁBADO A LOURENZÁ DA MAN DO GRUPO DE TEATRO DE RIBADEO. A REPRESENTACIÓN COMEZARÁ ÁS 8 DA TARDE NO SALÓN DE ACTOS DA CASA DO CONCELLO

A Concellería de Cultura do Concello de Lourenzá presenta unha nova actuación teatral no municipio para o vindeiro sábado 22 de novembro. Este día a partir das 8 da tarde o Grupo de Teatro de Ribadeo interpretará, no Salón de Actos da Casa do Concello, a súa obra Os Putativos. A actividade forma parte do proxecto Buxiganga, unha iniciativa cultural posta en marcha pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. O custe da entrada terá un prezo de 1 euro por asistente.