O presidente de Augas de Galicia comunicoulle hoxe á alcaldesa que este ente autonómico arranxará a ponte do Camiño A, en Sendín, cando baixe o caudal do río Batán
Lourenzá, 1 de marzo de 2013. Na mañá de hoxe o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, comunicoulle á alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, que os técnicos dese departamento autonómico están pendentes de que baixe o caudal no río Batán ao seu paso por Sendín para poder acometer as obras de arranxo da ponte que atravesa a estrada coñecida como Camiño A. Ese vial resultou danado como consecuencia dos temporais de choiva que houbo no pasado mes de xaneiro.