Novas

LOURENZÁ E RIBADEO SERÁN ESCENARIO ESTE VENRES E ESTE SÁBADO, RESPECTIVAMENTE, DA PREESTREA E DA ESTREA DE JUANA, UNHA PERFORMANCE MULTIDISCIPLINAR EN HOMENAXE A JUANA DE IBARBOUROU

O Concello ribadense acolleu este mediodía a presentación da preestrea e estrea de Juana, unha perfomance multidisciplinar en homenaxe a Juana de Ibarbourou na que a poesía, a música e a danza serán as protagonistas. A preestrea desta creación será o venres, día 9, en Lourenzá, no salón de actos do Concello ás 20:00 horas, e a estrea o sábado, día 10, en Ribadeo, no Cine Teatro ás 21:00 horas. Os Concellos de Ribadeo e Lourenzá apostaron desde o primeiro momento por esta creación, algo que lles agradeceu a súa autora e directora, a laurentina Marina Oural.

OS MAIORES E O PERSOAL DO CENTRO DE DÍA DE LOURENZÁ VISITARON O PAZO DE TOVAR, ONDE FORON CONVIDADOS POLO CONCELLO A UNHA MERENDA

Os maiores e o persoal do Centro de Día de Lourenzá gozaron dunha visita guiada polo interior do Pazo de Tovar, que está en Canedo, na parroquia laurentina de Santo Tomé. Posteriormente foron convidados polo Concello a unha merenda.

Nesta excursión os usuarios do Centro de Día de Lourenzá estiveron acompañados por familiares, que se achegaron ao Pazo de Tovar para compartir esta xornada en conmemoración do Día da Familia.

A esta actividade acudiu tamén a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López.

A ALCALDESA ENTREGOU OS PREMIOS DO CAMPIONATO DE PARCHÍS ORGANIZADO POLO CONCELLO, NO QUE PARTICIPARON SETE PARELLAS

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, entregos os premios da segunda edición do campionato de parchís organizado polo Concello, no que participaron sete parellas.

O primeiro premio foi para Berta Lagarón e María Antonia López e como subcampioas quedaron Mari Carmen Vila e Natividad Rivas.

Os premios consistiron en trofeos do Concello de Lourenzá e agasallos das firmas colaboradoras, que foron as adegas Valdamor e Gran Bazán.