Novas

A ALCALDESA PROPUXO AOS RESPONSABLES DA XUNTA A INSTALACIÓN NO MUNICIPIO DAS PRIMEIRAS PISTAS DE ATLETISMO HOMOLOGADAS DA MARIÑA. FOI DURANTE A VISITA ÁS OBRAS DO NOVO SOLADO DO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, propuxo a instalación no municipio das primeiras pistas de atletismo homologadas da Mariña aos responsables da Xunta de Galicia que hoxe visitaron as obras do novo solado do polideportivo municipal. Foron concretamente o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; a delegada territorial na provincia de Lugo, Raquel Arias; e o xefe do Servizo Provincial de Deportes, Manuel Otero, que estiveron acompañados pola rexedora municipal e polo concelleiro de Deportes, Francisco Dasilva.

A COOPERATIVA TERRAS DA MARIÑA ESTARÁ PRESENTE NA XXV FESTA DA FABA, QUE EMPEZA MAÑÁ E CELEBRARASE ATA O DOMINGO

A cooperativa Terras da Mariña estará presente na XXV Edición da Festa da Faba, que empeza mañá, venres, e celebrarase ata o domingo.

Os responsables da cooperativa explicaron que “todos aqueles que acudan á XXV Festa da Faba non poden deixar de pasar pola caseta de Terras da Mariña, onde se poderá obter todo tipo de información sobre a mesma, falar e intercambiar impresións e información de primeira man cos propios socios e produtores de Terras da Mariña”.

A RIBADENSE BELÉN PÉREZ TEIJO FOI A GAÑADORA DO 19º CONCURSO FOTOGRÁFICO FESTA DA FABA

Belén Pérez Teijo, de Ribadeo, coa serie de fotos titulada Érase unha vez nas Terras da Faba, foi a gañadora da décimo novena edición do concurso fotográfico Festa da Faba organizado polo Concello de Lourenzá. Belén Pérez Teijo presentouse baixo o pseudónimo Contacontos.

O premio, de 500 euros, será entregado durante os actos da vixésimo quinta Festa da Faba, que se celebrarán este vindeiro fin de semana, concretamente na tarde do domingo, día 4 de outubro.