Novas

Novas do Concello

A CASA DO CONCELLO ACOLLERÁ O DÍA 21 DESTE MES UNHA CHARLA SOBRE O PROCESO DE TRAMITACIÓN DE AXUDAS DIRIXIDAS A FOMENTAR A SILVICULTURA NOS MONTES

O Concello de Lourenzá organiza para o vindeiro martes, 21 de outubro, unha charla informativa para dar a coñecer aos veciños o proceso que deben levar a cabo se queren solicitar axudas para fomentar a silvicultura. Están tramitadas a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ofrecen achegas de ata o 50% no investimento de particulares e comunidades de montes que efectúen traballos de poda ou roza forestal.

O CONCELLO ORGANIZA PARA O 7 DE NOVEMBRO UN OBRADOIRO DE CONSUMO RESPONSABLE DIRIXIDO A MOZ@S DE ENTRE 16 E 30 ANOS

A Concellería de Educación de Lourenzá mantén o prazo aberto para que tódolos mozos e mozas de entre 16 e 30 anos poidan inscribirse no curso Consumo xeito, que se levará a cabo o venres 7 de novembro no salón de actos da Casa do Concello. A actividade forma parte do Plan Activa de formación para a mocidade, posto en marcha pola Xunta de Galicia, e ten carácter gratuíto. Os interesados poden formalizar xa a súa inscrición en horario de 17:00 a 20:00 horas na biblioteca municipal.

18 VECIÑOS DE LOURENZÁ PARTICIPAN NUN CURSO DE INFORMÁTICA QUE SE DESENVOLVERÁ ATA O DÍA 30 DESTE MES

As dependencias da Casa da Xuventude de Lourenzá acollen dende onte un curso de informática organizado polo Concello e a asociación agraria Asaja. Nesta actividade formativa para traballadores agrícolas en activo e os seus fillos e cónxuxes, participan 18 veciños do municipio laurentino.

O curso, que rematará o día 30 deste mes, desenvólvese en horario de nove a doce da noite.

 

VECIÑOS DE LOURENZÁ, MONDOÑEDO, VIVEIRO, BARREIROS E RIBADEO PARTICIPAN NUN CURSO DE MANIPULADOR DE PRODUTOS FITOSANITARIOS

Máis de vinte traballadores agrarios e desempregados dos concellos de Lourenzá, Mondoñedo, Viveiro, Barreiros e Ribadeo participan no curso de aplicador manipulador de produtos fitosanitarios que empezou onte no salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá. Foi inaugurado pola alcaldesa laurentina, Emma Álvarez Chao, e por un responsable de formación da asociación agraria Asaja, Manuel López.

O DÍA 21 DESTE MES EMPEZA UNHA NOVA EDICIÓN DO TALLER DE MEMORIA DIRIXIDO A MAIORES. OS INTERESADOS PODERÁN INFORMARSE SOBRE ESTA INICIATIVA O 15 DE OUTUBRO

O Concello de Lourenzá pon en marcha un ano máis o seu taller de memoria. A actividade dará comezo o martes 21 de outubro e os interesados xa poden achegarse aos Servizos Sociais Municipais, situados no Torreón dos Frades, para recibir información. Paralelamente, o goberno municipal organiza para o vindeiro día 15 deste mes ás 17:00 horas unha charla explicativa sobre todo o referente a este taller de memoria.

A ALCALDESA DESTACA O ÉXITO DA XXIV FESTA DA FABA A PESAR DO MAL TEMPO QUE HOUBO O SÁBADO POLA TARDE. VENDÉRONSE 6.504 QUILOS DE FABAS E REPARTÍRONSE 975 RACIÓNS NAS DEGUSTACIÓNS

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, destacou hoxe o éxito de público na XXIV edición da Festa da Faba, que rematou onte á noite, a pesar do mal tempo que houbo o sábado pola tarde. A rexedora explicou que se venderon 6.504 quilos de fabas nos mercados e nas degustacións repartíronse un total de 975 racións.

Distribuir contido